12 Novembro, 2021
O Concello de Camariñas aprobou en Xunta de Goberno Local o contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) municipal, para o que destina un total de 432.439,90 euros e que terá unha duración mínima dun ano, prorrogable ata chegar ás tres anualidades.
O proxecto inclúe unha previsión para poder cubrir, en total, 23.380 horas. Así, para a axuda no domicilio ás persoas que accedan tendo unha recoñecida situación de dependencia prevense 19.900 horas ordinarias e 1.650 horas extraordinarias e, no caso de acceder por libre concorrencia, inclúe unha previsión de 1.650 horas ordinarias e 180 horas extraordinarias.
O obxectivo do SAF é o de atender a persoas ou unidades de convivencia no seu propio domicilio, mellorando a calidade de vida das persoas usuarias, posibilitando a permanencia destas na súa contorna de convivencia habitual, favorecendo e potenciando a autonomía persoal no propio domicilio, previndo situacións de dependencia ou exclusión social, entre outros fins.
As prestacións ás persoas usuarias que se poderán ofertar divídense nas básicas (levantarse e deitarse, coidado e hixiene persoal, apoio para cambios posturais, control do réxime alimentario, acompañamento fóra do fogar, compra de alimentos e produtos de uso común, limpeza e mantemento da hixiene na vivenda, preparación de alimentos...) e as de carácter complementario (adaptacións funcionais do fogar, servizo de podoloxía, fisioterapia...).
A empresa adxudicataria terá as seguintes obrigacións: dirixir e coordinar ao persoal de atención directa, manter unha coordinación cos servizos sociais municipais, implementación das prestacións básicas e complementarias ofertadas na súa proposta e facer unha avaliación xeral do servizo e unha proposta de medidas para a mellora deste.