“Sempre vivas, sempre libres” a campaña do Concello de Camariñas polo 25N

  • O primeiro acto terá lugar mañá, sábado 15 de novembro, coa III Xuntanza Voces contra as Violencias Machistas.
  • Ao longo do mes haberá representacións teatrais, narrativa, obradoiros de bordado, contacontos e a lectura dun manifesto.

 

O Concello de Camariñas vén de presentar a súa programación para o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, un mes de actividades que combina cultura, sensibilización, participación social e educación en igualdade. Baixo o lema “Sempre vivas, sempre libres”, as propostas buscan implicar á veciñanza na loita contra todas as formas de violencia machista.

 

As actividades arrancan mañá, sábado 15 de novembro, coa III Xuntanza Voces contra as Violencias Machistas, ás 18:00 h na Casa de Pedra. Ao remate, celebrarase un acto de lembranza ás vítimas de feminicidio diante da estatua da muller palilleira.

 

O 21 de novembro, ás 19:00 h, a Casa de Pedra acollerá a obra de teatro “O meu camiño”, unha peza centrada na reflexión sobre a igualdade e a superación persoal.

 

A programación continuará o 24 de novembro, coa actividade de narración oral “Rosa e azul”, dirixida ao alumnado do CEIP O Areal, ás 10:30 h, unha proposta que aborda os estereotipos de xénero desde idades temperás.

 

O propio 25N celebrarase un dos actos centrais: ás 12:00 h, no IES Pedra da Aguia, terá lugar a lectura do manifesto institucional e a presentación dun mural contra a violencia de xénero, elaborado en colaboración coa comunidade educativa.

 

Ese mesmo día, ás 18:00 h, o Museo do Encaixe acollerá unha nova edición do Club de Bordado, unha actividade participativa que combina arte, expresión e sororidade.

 

A programación pecharase o 28 de novembro, ás 10:30 h no CEIP Ponte do Porto, coa sesión de contacontos “Pippi Mediaslongas, a nena máis forte do mundo”, unha actividade pensada para reforzar a autoestima e a igualdade entre a infancia.

 

Toda a programación está financiada ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Igualdade e Servizos Sociais

Contacto

Casa de Pedra. Plaza de Insuela, s/n.
Tfno. 981737004 - Fax: 981736199
Concelleira de Servizos Sociais: 
begona.tajes@camarinas.net
Axente de igualdade: 
igualdade@camarinas.net