As vistas do areal do Trece desde a duna de Monte Branco chegan ao centro de Madrid da man da XXXI Mostra do Encaixe

As vistas do areal do Trece desde a duna de Monte Branco chegan ao centro de Madrid da man da XXXI Mostra do Encaixe

  • O Concello contratou unha inserción publicitaria para promocionar o evento durante toda a semana nas grandes pantallas de Callao e Gran Vía.
  • A protagonista deste cartel, que non é o oficial, é Ainhoa Toba, voluntaria da Mostra do Encaixe.

 

Para contribuír á difusión da XXXI Mostra do Encaixe o Concello de Camariñas, ao igual que xa fixera no ano 2020, decidiu levar a Mostra do Encaixe a pleno centro de Madrid. Así, aproveitando a presentación da Mostra en FITUR, programou que durante toda a semana do 17 ao 23 de xaneiro se proxectase nas grandes pantallas dixitais de Callao en Gran Vía un cartel promocional.

 

A protagonista deste cartel, ao igual que do vídeo, é a voluntaria da Mostra Ainhoa Toba que desde o alto da duna de Monte Branco, cun vestido de encaixe e sostendo uns palillos e co areal, aprecia o fermoso horizonte das praias do Trece.

 

Na imaxe pode verse o slogan desta edición: ‘Encaixas no paraíso?’ e unha clara referencia ao municipio e ás datas de celebración do evento: ‘Camariñas, corazón da Costa da Morte. Semana Santa 2022’.

 

O obxectivo desta acción publicitaria é o de continuar a promocionar a Mostra do Encaixe e o turismo en Camariñas fora das nosas fronteiras, para afianzar o evento como capital da moda durante a Semana Santa e atraer un maior número de visitantes.