O Concello levará a pleno un convenio coa Autoridade Portuaria para a cesión da estrada ao faro Vilán

O Concello levará a pleno un convenio coa Autoridade Portuaria para a cesión da estrada ao faro Vilán

  • É o primeiro paso para que a Autoridade Portuaria poida licitar o proxecto de arranxo da vía que, unha vez executado, pasará a ser de titularidade municipal.

 

O Concello de Camariñas levará a próxima semana a pleno ordinario unha proposta para a aprobación dun convenio coa Autoridade Portuaria e que a estrada que conecta Camariñas co faro Vilán pase a ser de titularidade municipal.

 

Tal e como se acordara, a cesión da estrada ao Concello está condicionada a que a Autoridade Portuaria execute primeiro a súa reparación. Cando rematen as obras e exista conformidade das partes no estado da vía, xa se faría efectivo o traspaso.

 

A aprobación en pleno deste convenio, que incluirá a cesión co condicionante do arranxo da estrada, é o primeiro paso para que a Autoridade Portuaria poida aprobalo no seu Consello de Administración e remitir toda a documentación a Puertos del Estado para que autorice o inicio da licitación das obras.

 

Para Sandra Insua “este é un avance moi importante para conseguir que ter nas mellores condicións o acceso ao Faro, un símbolo de Camariñas que sempre atrae a un número elevado de turistas”. A alcaldesa agradece á Autoridade Portuaria “a súa boa predisposición desde o primeiro momento que iniciamos as conversas para que este proxecto fose unha realidade”.