15 Marzo, 2022
Os 20 alumnos do obradoiro de emprego ‘Construíndo futuro’ realizan prácticas no sector forestal e no da construción
Os 20 alumnos e alumnas do terceiro programa mixto de emprego e formación que realizan conxuntamente os Concellos de Muxía, Vimianzo e Camariñas, este último como promotor, avanzan na súa formación teórica e práctica no sector forestal e no da construción.
Así, despois de ter realizado unha limpeza exhaustiva do Monte Covadiña de Camariñas e de facer traballos varios en Grixoa, Padreiro e Castrelo (Vimianzo), os 10 integrantes da especialidade de ‘Conservación e mellora de montes’ contan con seguir levando a cabo as súas tarefas en lugares coma o parque de Quintáns (Muxía) e outras localizacións dos tres concellos.
Por outra banda, o alumnado da especialidade ‘Pavimentos e albanelería de urbanización’ desenvolveron o coñecemento adquirido nas aulas en diversas actuacións como a demolición e reconstrución dos baños da escola de Carnés ou a rehabilitación da escola de Subeiro, ambas en Vimianzo. Neses traballos execútanse actividades técnicas como colocación de pladur con illamento de lana de roca, demolición de paredes incluíndo desescombro e limpeza, lavado a presión de muros exteriores e posterior tratamento antihumidade, enfoscado de tabiques, aplicación de pinturas antimofo, alicatado con azulexos, entre outras. Agora, en Camariñas levarase a cabo o acondicionamento da praza Insuela.
"Construíndo futuro"
O programa ‘Construíndo futuro’, que rematará o 28 de xullo de 2022 e que se leva a cabo a cargo dunha subvención por valor de 346.946 euros da Consellería de Emprego e Igualdade, inclúe dúas especialidades: ‘Conservación e mellora de montes’ e ‘Pavimentos e albanelería de urbanización.
Entre os obxectivos das actuacións a realizar, destacan os mantementos no monte Covadiña de Camariñas; a actuación, conservación e mellora de zonas axardinadas de Quintáns, Viseo e Caberta, en Muxía; a actuación forestal e de xardinaría no polígono industrial de Vimianzo, así como no campo da festa de Bamiro, na parcela Insua e na área recreativa do Val; o acondicionamento da praza Insuela, en Camariñas; ou as actuacións de albanelería de urbanización na sala de máquinas da piscina municipal de Vimianzo.