"O Mar na Escola" alcanza a maioría de idade con máis de 50 alumnos e alumnas inscritos

  • Mañá venres darán comezo as clases prácticas de vela lixeira.
  • Este programa transversal impulsado polo Concello de Camariñas ten o obxectivo de achegar o mar e a vela lixeira aos estudantes.
  • Desde este ano incorporarase ao proxecto ‘Explora 10’ para potenciar o turismo deportivo na Costa da Morte.

 

Mañá, venres 18 de marzo, un total de 54 alumnos e alumnas do CEIP O Areal e do CEIP Ponte do Porto darán comezo as clases prácticas de vela lixeira do programa ‘O Mar na Escola, unha iniciativa que naceu hai xa 18 anos polas inquedanzas dos mestres Santiago García e Ricardo Pereira da man do Concello de Camariñas e coa complicidade do Club Náutico.

 

‘O Mar na Escola’ é un programa transversal que ten o obxectivo prioritario de achegar o mar e a vela lixeira aos estudantes de quinto e sexto de primaria do CEIP O Areal e o CEIP Ponte do Porto. Nos últimos anos un dos propósitos fundamentais desta actividade foi o coidado do mar e o traballo de concienciación sobre o mellor xeito de tratalo.

 

Desde este curso 2021/2022 ‘O Mar na Escola’ incorporase ao proxecto ‘Explora 10’, impulsado polo Concello de Camariñas para potenciar o turismo deportivo na Costa da Morte e que ten a misión de estruturar, organizar e potenciar este tipo de actividades a través de accións conxuntas entre os municipios participantes: Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas.

 

Por outra banda, este ano cóntase de novo co apoio do programa ‘Xogade’ da Xunta de Galicia e, como ven sendo habitual desde os inicios da actividade, de Industrias Cerdeimar, principal socio. “En todos estes anos de percorrido tivemos diferentes compañeiros de travesía: Industrias Cerdeimar, o programa Xogade, a Federación de Vela... a todos quero darlle as grazas e unhas moi especiais a Industrias Cerdeimar”, explicou o concelleiro de Deportes, Fabián Canosa, que tamén agradeceu “aos centros educativos a súa predisposición a participar neste proxecto que con tanto cariño levamos desenvolvendo 18 anos”.