O encaixe chegará a Oviedo cunha pasarela de moda para promocionar a XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas

O encaixe chegará a Oviedo cunha pasarela de moda para promocionar a XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas

  • O acto terá lugar o próximo sábado, 26 de marzo, ás 20 horas na Sala de Cristal do Palacio de Congresos de Calatrava.
  • No desfile participarán Dolores Cortés e Ana Cabranes como grandes firmas e tamén 12 coleccións de gañadores e finalistas do certame de noveis deseñadores.
  • “Queremos continuar promocionando a Mostra fora das nosas fronteiras, escollemos Oviedo pola cercanía e porque son un público potencial que pode vir en Semana Santa”, explica Encarna Liñeiro.

 

O Concello de Camariñas continúa a levar a cabo accións de promoción da XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña. Despois de presentar na Feira Internacional de Turismo (Fitur) a trixésimo primeira edición deste evento, agora organizou unha pasarela de moda na cidade asturiana de Oviedo.

 

O acto terá lugar o próximo sábado, 26 de marzo, ás 20 horas na fermosa Sala de Cristal do Palacio de Congresos de Calatrava. A concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro, explica que “con esta iniciativa, que nace grazas á colaboración coa Asociación de Galicia en Asturias, da man do seu presidente Manuel Fernández Quevedo, queremos continuar promocionando a Mostra e o turismo en Camariñas fóra das nosas fronteiras” e explica que “escollemos Oviedo porque queremos afianzarnos como capital da moda durante a Semana Santa e Asturias é un público potencial que pode achegarse neses días”.

 

O desfile estará composto por dúas grandes firmas como a reputada deseñadora valenciana Dolores Cortés e a asturiana Ana Cabranes, habituais da Mostra do Encaixe. Ademais, completarán a pasarela 12 coleccións de gañadores e finalistas do certame de noveis deseñadores: Rocío Molina e Alba Cobos coa súa colección ‘Enxebre (2)’, Rebeca Mercado con ‘Déjame Encajar’, Candela Rodríguez e Alba Otero con ‘Carrera de Indias’, Josu Santos con ‘Tira y Afloja’, Joaquín Ruíz con ‘Suspiros flamencos’, Jaione Ventura con ‘Zeistmaschine’, Uxía Rodríguez con ‘Estímulos’, Eli Conde con ‘Victoria’, Judith Martín con ‘Matista’, Iria Cameán con ‘Un paseo sereno’, Sara Alonso con ‘Enxebre (1)’ e Beatriz Anido con ‘Sea Lung’. Os e as modelos correrán a cargo da Agencia de Modelos Rassim’s.

 

Ao remate do acto haberá unha actuación da recoñecida soprano asturiana Tina Gutiérrez, que cantará en galego. A ovetense ten unha ampla traxectoria sobre os escenarios, realizando innumerables concertos no Principado de Asturias, Madrid, Galicia, Sevilla, León e Valladolid.