Oviedo énchese de encaixe como antesala á XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas

  • Ao redor de 250 persoas asistiron no Palacio de Congresos de Calatrava a un desfile no que brillaron as coleccións de deseñadores que participaron nas últimas edicións.
  • O público tamén valorou a creatividade das 12 coleccións de gañadores e finalistas do certame de noveis deseñadores.
  • “Foi unha moi boa experiencia, pensamos que o público asturiano quedou encantado co que viu e invitámolos a vir á Mostra en Semana Santa”, explica Encarna Liñeiro.

 

A Sala de Cristal do Palacio de Congresos de Calatrava, en Oviedo, acolleu con gran expectación o desfile de moda organizado polo Concello de Camariñas para promocionar a XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña.

 

Foron ao redor de 250 persoas as que se congregaron no fermoso espazo do Palacio de Congresos ovetense e que puideron desfrutar da pasarela programada para a ocasión, na que brillaron as coleccións de diferentes grandes deseñadores que participaron nas últimas edicións, con especial mención á deseñadora asturiana Ana Cabranes e as súas pezas pret Porter e ceremonia.

 

Ademais, o público tamén valorou a creatividade e a innovación que se aprecia nas 12 coleccións dos gañadores e finalistas do certame de noveis deseñadores que cederon as súas creacións para poder levar a cabo esta pasarela: Rocío Molina e Alba Cobos coa súa colección ‘Enxebre (2)’, Rebeca Mercado con ‘Déjame Encajar’, Candela Rodríguez e Alba Otero con ‘Carrera de Indias’, Joaquín Ruíz con ‘Suspiros flamencos’, Jaione Ventura con ‘Zeistmaschine’, Uxía Rodríguez con ‘Estímulos’, Eli Conde con ‘Victoria’, Iria Cameán con ‘Un paseo sereno’. Os e as modelos correron a cargo da Agencia de Modelos Rassim’s.

 

Ao remate do acto, organizado en colaboración coa Asociación de Galicia en Asturias, da man do seu presidente Manuel Fernández Quevedo, a recoñecida soprano asturiana deleitou aos asistentes coa súa voz e incluso interpretou algún dos seus temas en galego.

 

A concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro destacou que “foi unha moi boa experiencia, pensamos que o público asturiano quedou encantado co que viu e invitámolos a vir a Camariñas a desfrutar da Mostra en Semana Santa porque o que aquí puidemos ver só é unha pequena parte de todo o que ofrecemos”.