01 Abril, 2022
A programación da XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña incluirá os concertos solidarios do Combo Dominicano e Irma Macías, que estarán en Semana Santa en Camariñas co obxectivo de recadar fondos para a investigación da ataxia.
Tanto a orquestra, que actuará na clausura, como a cantante vimiancesa e vocalista de Luar na Lubre, que participará na xornada inaugural acompañada do guitarrista Xaquín Rama, doarán a asociación STOP FA, unha entidade que aglutina a persoas afectadas por esta doenza a nivel nacional, os cartos que paga o Concello pola súa actuación para contribuír a continuar coa investigación que se está a levar a cabo para avanzar no tratamento da enfermidade.
Esta iniciativa sae a raíz da petición que María Jesús González Souto, nai dun rapaz con ataxia e integrante de STOP FA, fai á alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, para articular algunha vía para recadar fondos para a asociación.
“Todos temos claro que a Mostra do Encaixe de Camariñas é artesanía, tradición, moda ou vangarda, pero tamén é solidariedade, e por iso decidimos poñer o noso gran de area para botar unha man a estas familias que están a sufrir tanto pola falta de avances na investigación”, explica Sandra Insua.
María Jesús González adianta que, durante os 5 días da Mostra, terán un stand no que se poderán comprar diferentes prendas, produtos, rifas ou facer donativos dirixidos a STOP FA. Ademais, o Concello aportou un chal de encaixe, que se venderá neste posto solidario.