01 Abril, 2022
A empresa Stolt Sea Farm, dedicada á explotación da acuicultura e que conta cunha planta de produción de peixes planos no Cabo Vilán de Camariñas, volverá a ser un dos principais patrocinadores da XXXI Mostra do Encaixe que se celebrará do 13 ao 17 de abril.
Así o acordaron a alcaldesa do Concello de Camariñas, Sandra Insua; a concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro; a directora da Mostra, Dolores Lema; co director de Sustentabilidade de Stolt Sea Farm, Carlos Tavares, nunha reunión na que se estableceron as principais liñas do acordo de colaboración entre ambas entidades.
A acuicultura é un sector de importancia estratéxica para Camariñas, e Stolt Sea Farm constitúe na actualidade unha das máis importantes actividades económicas do municipio polo volume de riqueza e traballo que xera, o que fai que os veciños e veciñas da vila recoñezan e se sintan identificados coa marca.
Así, a empresa aportará unha importante contribución para a promoción do Encaixe de Camariñas, co obxectivo de financiar as actividades que sexan necesarias para poñer en valor á muller como elemento dinamizador do municipio a través da súa labor de palilleira. Ademais, organizará unha degustación de rodaballo no recinto da Mostra.
Polo tanto, e como contraprestación, a imaxe corporativa de Stolt Sea Farm estará presente durante toda a Mostra do Encaixe e tamén nas actividades previas e posteriores que se leven a cabo relacionadas co evento.