05 Abril, 2022
Os asistentes á XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña poderán desfrutar no recinto do evento de degustacións diarias de diferentes produtos do mar, unha acción encamiñada á exaltación da riqueza da gastronomía local.
O xoves haberá rodaballo cedido por Stolt Sea Farm, o venres polbo de Gallego Pereira, o sábado tamén polbo de Frigoríficos Canosa e na xornada de clausura os asistentes poderán gozar do caviar de ourizos de Pescados Pedreira.
A degustación de polbo e a de caviar de ourizos será nos stands que terá cada empresa no recinto mentres que a de rodaballo será no bar da Mostra. Todas serán gratuítas, presentando a entrada da Mostra, ata acabar existencias.
Ademais, Industrias Cerdeimar continúa colaborando coa Mostra desde hai 30 anos, como ven facendo desde os seus inicios, instalando o seu stand propio e aportando diferentes produtos en conserva.
“Este xa era un proxecto que tíñamos no ano 2020, cando tivemos que cancelar a Mostra pola pandemia. O obxectivo é levar a nosa riqueza ao interior da Mostra para que os visitantes coñezan as nosas empresas e o seu produto de calidade”, destaca a concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro.