06 Abril, 2022
O Concello de Camariñas deu a coñecer hoxe o agardado programa da XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, que se celebrará do mércores 13 ao domingo 17 de abril e que coa pregunta ‘E ti, encaixas no paraíso?’ fai un chamamento para dar a coñecer Camariñas pola súa riqueza e patrimonio máis aló da artesanía.
A apertura da trixésima edición da Mostra, na que se recupera a data e o formato habitual do evento, terá lugar o mércores 13 ás 15 horas, momento no que se iniciará o tradicional encontro de encaixeiras e encaixeiros da Costa da Morte no que tamén participará o alumnado das escolas infantís municipais. O acto de inauguración coas autoridades será ás 17 horas.
Durante os cinco días un total de 12 firmas da categoría de ‘Grandes Deseñadores’ subiranse ás pasarelas da Mostra para amosar as súas creacións con encaixe. Este ano contaremos coa presenza de Amaya Fernández, Ana Cabranes, Devota&Lomba, Dolores Cortés, Edith del Valle, Esteban Freiría, Lalacó Atelier, Sara Lage, Jorge de Álvarez e María Campaña, K-KOU e José Matteôs.
Esta Mostra tamén suporá o regreso das delegacións internacionais, trala paréntese provocada pola pandemia. O xoves 14 ás 19 horas terá lugar o desfile das ‘Delegacións de encaixeiras internacionais’ que este ano proceden de Bulgaria, Eslovaquia, Estonia, Italia, Polonia, Portugal, República Checa e Suíza.
Ademais, terá lugar tamén o XXVIII Concurso de Noveis Deseñadores no que se repartirán un total de 4.500 euros en premios e participarán un total de 25 mozas e mozos que están a dar os primeiros pasos no mundo da moda. Participarán deseñadores procedentes de Asturias, Alicante, Guipúscoa, Pontevedra, Zaragoza, A Coruña, Cantabria, Zaragoza, Murcia ou Madrid. O sábado 16 ás 20 horas celebrarase o encontro entre grandes e noveis deseñadores e o domingo 17 a partir das 19:30 horas darase a coñecer o fallo do xurado.
O desfile de ‘ArtEncaixe’, que se estreou na atípica Mostra de outubro, repetirá nesta edición buscando a consolidación. Este ano son 12 os artesáns que chegarán de diferentes puntos de Galicia para demostrar que o encaixe é versátil e pode adaptarse a diferentes materiais. Forman este desfile: Ana Freiría (orfebrería artística), Charo López Atelier (complementos de moda), Estilo Aramar (complementos de moda), Janet Schulz (tocados de noiva), Arteviares (artesanía en vidro), Mar Barral (laboratorio de ideas), Noelia Peña (xoiería de autor con deseños personalizados), Pilar Rodríguez ‘En Lá’ (artesanía en complementos textís), Suso Calo (artesanía en plata e talla), Xelis Luaces (encaje experimental e aplicación), Olería de Buño e ONG Egueire.
Unha das novidades da XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña será a estrea do espazo de ‘VodaEncaixe’, unha zona que se creará no interior do pavillón e onde as parellas que o desexen poderán deseñar integramente o seu casamento sen saír do recinto. Neste recuncho os asistentes poderán atopar, da man de empresas locais e do deseñador Jose Matteôs, todo o que precisan para organizar unha cerimonia de voda: vestidos de Matteôs Novias, vehículos de Alebura, a Floristería Alecrín que aplica encaixe nos ramos e en detalles de voda, os detalles de Agasalla Encaixe Agasalla Amor e a cobertura fotográfica da man de Diego Alonso Fotógrafo.
Un dos momentos máis agardados da Mostra son os desfiles do ‘Pequeencaixe’. As 50 nenas e nenos das Escolas Municipais crean o seu propio encaixe durante todo o curso para posteriormente deseñar os vestidos e desfilar na Mostra. Convértense en palilleiras, deseñadores e modelos.
O mesmo ocorre no desfile de ‘Encaixeiras Senior de Camariñas’ que terá lugar o domingo 17 ás 19:30 horas durante o acto de clausura do evento e no que veciñas e veciños do municipio amosan ao público as creacións que fixeron durante todo o ano.
Música solidaria e outras accións destacadas da programación
Este ano os asistentes poderán gozar da música de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre (o sábado 16 ás 22 horas na praza do Mercado, cun adianto ese mesmo día ás 17 horas nun dos desfiles de ‘Grandes Deseñadores’). Ademais, tamén haberá música solidaria da man de Irma Macías (mércores 13 ás 18 horas despois do desfile) e do Combo Dominicano (domingo 17 ás 21:30 horas), que doarán á asociación STOP FA, unha entidade que aglutina a persoas afectadas pola ataxia a nivel nacional, os cartos que paga o Concello pola súa actuación.
Durante os cinco días escoitarase nos pavillóns da Mostra, mesturado co son dos palillos, o folclore das agrupacións Abrindo Rejo, Con toda en banda e Vaiche Boa. Tamén V Encontro de Corais no que participarán a Asociación Airiños de Nós de Oleiros e Coro Brisas do Mar (domingo 17 ás 12:15 horas).
Un dos momentos máis especiais será a presentación do libro ‘La Turballe e Camariñas comparten mesa’ (sábado 16 ás 11:30 horas), un proxecto realizado entre o Concello de Camariñas e o francés de La Turballe, apoiados pola Asociación La Turballe – Cap Camariñas, onde se recollen as receitas máis tradicionais e as máis modernas de cada municipio.
Aproveitarase o evento para a presentación da equipación de Paula Esteiro (xoves 14 ás 12:30 horas), unha camariñá campioa de España na liga de carreiras de obstáculos (OCR), e da ‘Escola Municipal de Fútbol Juan Cabrejo’ (domingo 17 ás 12:15 horas).
Ademais, organizaranse actividades deportivas con rutas de kayak e iniciación ao skate, e o XXXI torneo Mostra do Encaixe que disputarán o Camariñas e o Porteño no Hermanas Patiño. Durante toda a Mostra tamén haberá stands gastronómicos e demostracións artesanais e os pais e as nais poderán deixar aos máis pequenos no Parque Infantil con monitores cualificados.
A clausura da XXIX Mostra do Encaixe de Camariñas terá lugar o domingo 17 ás 21:30 horas.