Seguen os traballos de pavimentado da rúa Alto do Penedo, na Ponte do Porto

  • Estas intervencións, valoradas en 125.000 euros, inclúen a demolición do pavimento existente en varios tramos e a execución dun novo.
  • Están financiados a través do Plan Único da Deputación da Coruña.

 

O Concello de Camariñas prosegue cos traballos de pavimentación da rúa Alto do Penedo, na Ponte do Porto, que conta cun orzamento de 125.000 euros está financiado a través do Plan Único da Deputación da Coruña. Esta mañá estiveron comprobando as obras a alcaldesa, Sandra Insua, e o edil de Obras, Sergio Caamaño.

 

As obras permitirán mellorar o firme da rúa, que actualmente se atopa bastante deteriorado. A actuación inclúe a roza e a limpeza das marxes da vía, a demolición do pavimento existente en varios tramos e, por último, a execución dun novo de aglomerado asfáltico e adoquinado rústico de pedra granítica.

 

O concelleiro de Obras, Sergio Caamaño, subliñou que “o proxecto responde a demandas veciñais nunha vía que é empregada a diario por ducias de persoas, e o noso obxectivo non é só dar servizo, tamén mellorar as comunicacións e facer unha Camariñas máis amable co peón”.