Todas as praias de Camariñas encaran o verán superando con boa nota os controles de calidade autonómicos

  • A Consellería de Sanidade informou de que as 8 zonas de baño contarán 2022 cunha calidade da auga óptima
  • A de Camelle, que aínda non está incluída no censo oficial pero si está sometida a vixilancia sanitaria, obtivo un resultado de ‘Boa’.
  • O goberno local pedirá á Xunta que somete a vixilancia a praia de Area da Vila, tralas melloras realizadas na rede de saneamento.

Os areais do Concello de Camariñas xa se preparan para a temporada estival e fano coa mellor das novas: A Areiña Branca, Area Longa, Arou, Lingunde, Lobeiras, O Ariño, O Lago e Camelle superaron con moi boa nota os controles de calidade realizados pola Consellería de Sanidade durante o ano 2021.

Así, a clasificación sanitaria final das zonas de baño destes areais que permanecerá vixente para a temporada de verán 2022 será de ‘Excelente’ para todas agás Camelle, que é ‘Boa’. Ademais, Arou volverá a contar outro ano máis coa bandeira azul.

No caso de Camelle non está incluída aínda no censo oficial pero, debido aos bos resultados acumulados nos últimos anos, someteuse a vixilancia sanitaria durante o 2021, arroxando moi bos resultados polo que se agarda que pronto pase a formar parte da lista oficial de zonas de baño de Galicia.

A alcaldesa, Sandra Insua, considera que “estes resultados, sumados á bandeira azul de Arou, demostran que en Camariñas temos moitas das mellores praias da comarca, da provincia e incluso de Galicia” e destaca que “as actuacións acometidas polo Concello nos últimos anos en Camelle están a reverter os malos episodios do pasado”.

 

Area da Vila

O goberno local tamén está traballando a reo para que a outra praia do municipio que se atopa fóra do censo, a de Area da Vila, poida ser reincorporada. O pasado ano leváronse a cabo dúas melloras no saneamento para solucionar os vertidos ao mar que se estaban a producir e intentar así mellorar a calidade da súa auga. Agora enviarase toda a documentación necesaria á Consellería de Sanidade para que o areal urbano pase á mesma vixilancia na que se atopa agora mesmo Camelle.