Desde La Turballe a Camariñas en bicicleta polo quinto aniversario do irmanamento dos dous municipios

  • Hoxe saíron desde La Turballe un grupo de 10 ciclistas, que chegarán a Santiago o xoves 16 para o día seguinte continuar ata Camariñas, cubrindo en total 1.582 quilómetros.
  • Desde Santiago a Camariñas irán acompañados por ciclistas de Baikers do Vilán e desde o Concello animan a outras persoas a participar nesta iniciativa.
  • Poderase seguir en directo cada etapa a través dun grupo de Facebook.

 

Un total de 1.582 quilómetros, esa é a distancia que cubrirán os 10 ciclistas que saíron hoxe desde La Turballe con destino Camariñas. Unha cicloruta organizada pola asociación La Turballe Cap Camariñas, o club ciclista Randonnée Cycliste Turballaise e os Concellos de La Turballe e Camariñas para celebrar o quinto aniversario do irmanamento entre os dous municipios.

 

A expedición saíu hoxe desde La Turballe, onde foron despedidos polo alcalde da localidade, Didier Cadro. Os ciclistas farán 10 etapas: saída desde La Turballe e paso por Jard sur Mer, Royan, Cap Ferret, Anglet, Mondragón, Burgos, León, Ponferrada, Sarria, Santiago de Compostela e Camariñas. A chegada a Santiago está prevista para o xoves 16 de xuño ás 10 horas e, ao día seguinte, o venres 17 de xuño, partirán cara Camariñas acompañados por ciclistas do club Baikers do Vilán para chegar ao redor das 17 horas á capital do encaixe.

 

Poderase facer un seguimento do percorrido en directo a través do grupo de Facebook creado para a ocasión:  https://www.facebook.com/groups/682229593005501/. Neste espazo iranse subindo, a medida que os ciclistas avancen, fotos, vídeos e comentarios.

 

Desde o goberno local de Camariñas animan a calquera persoa interesada a que se sume aos ciclistas do club Baikers do Vilán para acompañar aos irmáns franceses desde Santiago a Camariñas. O Concello facilitará o transporte a Santiago e o avituallamento para o camiño.

 

A delegación gala, aos que se sumará a presidenta de La Turballe Cap Camariñas, Dominique Floch, pasará a fin de semana en Camariñas e serán recibidos pola alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, Fabián Canosa, e a concelleira Encarna Liñeiro.