A terceira edición de “Aprende a través del Surfing” arrinca en Camariñas con 138 alumnos de tres institutos

A terceira edición de “Aprende a través del Surfing” arrinca en Camariñas con 138 alumnos de tres institutos

  • A formación deportivo-educativa busca que os participantes melloren a relación consigo mesmo, co resto de persoas e coa contorna natural a través do surf.

 

“Aprende a través del Surfing”, unha formación deportivo-educativa impulsada polo Concello e impartida por Ubuntulife, arrinca a súa terceira edición en Camariñas. O pasado martes comezaron as primeiras sesións na praia de Arou, que remantarán un vindeiro 20 de xuño despois de traballar con 138 alumnos de tres institutos do municipio.

 

A maiores do CEIP O Areal e o CEIP Ponte do Porto, este ano súmase un grupo de Primeiro da ESO do IES Pedra da Guía. Ademais, aos areais de Camariñas tamén acudirán alumnos de Vimianzo e de Zas para disfrutar desta formación que federa aos participantes a través do programa Xogade da Xunta de Galicia e da Federación Galega de Surf.

 

Esta semana é o turno para os estudantes do CEIP O Areal. O 23, 24 e 25 de maio serán as clases na praia para os alumnos do CEIP Ponte do Porto. E o 19 ou 20 de xuño pecharán a formación os rapaces e rapazas do IES Pedra Aguia.

 

O proxecto educativo traballa co alumnado desde tres obxectivos principais: mellorar a relación da persoa consigo mesma, mellorar a relación do individuo cos demais e mellorar a relación dos participantes coa contorna natural. Todo isto a través do surf, xa que se busca xerar seguridade, cultura acuática e axudar a valorizar e protexer ás ondas.

 

O Concello de Camariñas cubre o custo da actividade, que conta cun orzamento que vai de xeito íntegro á escola de surfing e se tramita a través da Federación Española de Surfing. Os custes inclúen seguro, monitorado, materiais, plataforma en liña, actividades vivenciais no centro formativo e “bautismos” de surfing na praia. Mentres, o colexio aporta os custos de transporte.

 

O proxecto cumpre o seu terceiro ano en Camariñas e no curso pasado chegou a 1.300 estudantes en Galicia e 4.000 sumando os participantes de Andalucía, Asturias, Murcia e Baleares. Ademais, está apoiado pola Deputación da Coruña, pola Xunta de Galicia e por entidades privadas como Ecovidrio e MSC Pesca Sostenible.

Deportes

Contacto Deportes

Concello de Camariñas. Praza de Insuela
Tfno. 981736000
Técnico de deporte:
deportes@camarinas.net
Conc. Delegado Deportes:
fabian.canosa@camarinas.net