O Concello e a Federación de ANPAS Costa da Morte únense para trasladarlle á Xunta as necesidades no transporte escolar

O Concello e a Federación de ANPAS Costa da Morte únense para trasladarlle á Xunta as necesidades no transporte escolar

  • A alcaldesa e o concelleiro de Educación, xunto coas familias afectadas, trasladáronlle á Federación as eivas no transporte dos estudantes de Bacharelato e FP.
  • Agora estas demandas remitiranse á Consellería de Mobilidade e á Xefatura territorial de Educación para que tome medidas.

 

O Concello de Camariñas e a Federación de ANPAS Costa da Morte acordaron trasladarlle á Consellería de Mobilidade e á Xefatura territorial de Educación as necesidades existentes no transporte escolar dos estudantes camariñáns de Bacharelato e Formación Profesional (FP).

 

No encontro, que se levou a cabo no Centro Cultural da Ponte do Porto, participaron a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e o concelleiro de Educación, Fabián Canosa, xunto coas familias afectadas dos rapaces e rapazas que cursan os seus estudos en Cee, Baio, Ponteceso e Vimianzo.

 

As necesidades destas familias son: os que van ao instituto de Cee solicitan que se habilite un transporte en horario de tarde para que os estudantes poidan volver a Camariñas en bus; os dos institutos de Baio e Ponteceso que se habilite unha liña de bus desde Camariñas ata estes municipios xa que actualmente non existe e teñen que ir nos seus vehículos particulares; e os que van ao instituto de Vimianzo solicitan que a Consellería asuma custo do bus que usan agora; posto polas familias, para así estar en igualdade cos que usan a tarxeta xente xoven.