O Concello reivindica en FITUR o potencial de Camariñas como destino turístico de referencia

  • Sandra Insua presentou a campaña “Camariñas Sorprende”, na que se mostran as festas, tradicións, paisaxes e gastronomía do municipio.
  • No vídeo promocional pode apreciarse desde a maior lumarea de toda Galicia, as festas de cada parroquia, a Mostra do Encaixe, o Camiño dos Faros, o destino Starlight...
  • Tamén se presentou o cartel da XXXIII Mostra do Encaixe de Camariñas, obra de Esteban Freiría, no que se aposta pola modernidade do encaixe nun claro cambio de tendencia.
  • “Camariñas é o lugar no que o imposible se fai posible, no que as tradicións máis ancestrais se converten en arte e modernidade para dar identidade a un paisaxe de película”, destacou a alcaldesa.

 

A Feira Internacional de Turismo (FITUR) que se celebra do 24 ao 28 de xaneiro en IFEMA (Madrid) foi o lugar escollido polo Concello de Camariñas para reivindicar o potencial de Camariñas como destino turístico de referencia en Galicia.

 

Na presentación, realizada no stand de Tourespaña, deuse a coñecer a campaña “Camariñas Sorprende” cun vídeo promocional, no que se pretende dar valor ás festas, ás tradicións, ás paisaxes e a gastronomía do municipio. Desde a maior lumarea de San Xoán de toda Galicia pasando polo Día do Carme en Camariñas e Camelle coas dúas danzas de arcos e procesións marítimas, a festa do Ariño en Xaviña, o caldo de Riola na Ponte do Porto e San Bartolo en Arou.

 

Ademais, na peza audiovisual tamén se poden apreciar as impresionantes paisaxes que conforman o municipio, a súa extraordinaria gastronomía, a beleza do ceo que permitiu que Camariñas fose designado como destino Starlight, o Camiño dos Faros e, como non, o encaixe e a Mostra.

 

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destacou que “Camariñas Sorprende porque é o lugar no que o imposible se fai posible, no que cada día é un regalo por abrir e no que as tradicións máis ancestrais convértense en arte e modernidade para dar identidade a unha paisaxe de película”.

 

“Cada festa en Camariñas é un acontecemento, coa súa historia e costumes. É unha forma de expresarnos como pobo, de marcar a lume, de xeración en xeración, a nosa identidade. Todas son diferentes, todas son especiais, todas forman Camariñas”, salientou.

 

A rexedora tamén se referiu ás paisaxes, “das que é complicado expresar con palabras unha beleza de tal calibre. Camariñas é un mar feroz, valente e fermoso, e tamén é terra, con praias, acantilados e rutas de sendeirismo, bañadas por un océano de estrelas e vixiados polo noso gardián máis fiable: o faro Vilán, insignia e lenda do noso pobo”.

 

XXXIII Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña”

 

Como nos últimos anos, tamén se presentou en FITUR o cartel da XXXIII edición da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, que se celebrará en Semana Santa, do 27 ao 31 de marzo, e que se une ao lema “Camariñas Sorprende”.

 

Unha declaración de intencións plasmada xa no propio cartel, obra do deseñador galego afincado en Marbella, Esteban Freiría, que busca un cambio de tendencia con respecto á imaxe das anteriores edicións e deixa ben claro o que é hoxe en día a Mostra e o encaixe: modernidade e vangarda.

 

A intención do cartel, que na súa estrutura quere imitar ás cabeceiras máis recoñecidas das revistas de moda, é, por un lado, atraer ao público máis mozo, e, polo outro, poñer o foco na vertente da moda máis que na da artesanía, que tamén está recoñecida.

 

“Propuse un cambio radical y el departamento de la Mostra aceptó el reto”, explica Esteban Freiría, que, xunto cun equipo de profesionais da fotografía e o deseño, apostou por “una moda urbana, que se vea que el encaixe puede ser muy versátil sin perder su esencia y tradición, solo hace falta intención y darle a la cabeza”.

 

Pola súa parte, Sandra Insua, indicou en Madrid que “hai algo en Camariñas que non existe en ningunha outra parte do mundo, algo que todos e cada un de nós nos orgullecemos e mostramos en cada lugar ao que vamos. É algo único e irrepetible, unha artesanía milenaria forxada por mans expertas, que transmiten o seu coñecemento ás seguintes xeracións: o encaixe de Camariñas”.

 

“Un encaixe que pasou de ser tradición a ser vangarda, que pasou de estar relegado ao uso doméstico a formar parte das coleccións dos grandes deseñadores de moda do noso país. Este ano, e xa van trinta e tres edicións, Camariñas volverá a ser a capital nacional da moda grazas á Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, unha pasarela de moda que une a recoñecida valía dos grandes deseñadores españois co talento dos mozos e mozas de escolas de moda de todo o país que comezan a dar os seus primeiros pasos no sector”, engadiu.

 

A XXXIII Mostra do Encaixe seguirá na liña dos últimos anos, apostando pola innovación e  integración do encaixe nas diferentes artesanías galegas ademais dos desfiles de moda coa presenza dalgúns dos mellores deseñadores e deseñadoras do país e tamén das promesas do mundo do deseño co concurso de jóvenes deseñadores.