A EASD Mestre Mateo repite participación no desfile de “ArtEncaixe” da Mostra

A EASD Mestre Mateo repite participación no desfile de “ArtEncaixe” da Mostra

  • Esta será a súa segunda aparición na Mostra e farano de novo co alumnado de 1º curso de Xoiería.
  • “Presentaremos pezas vistosas enfocados a un desfile como tiaras, un colar para as costas ou pendentes ”, explica a mestra Ana Seara.

 

O desfile de “ArtEncaixe” continúa, ano a ano, gañando puxanza,  consolidándose e atraendo a artesáns de diferentes puntos de Galicia para demostrar que o encaixe é versatil e pode adaptarse a diferentes materiais. Neste caso, na XXXIII Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña repetirá participación a Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, de Santiago de Compostela.

 

Farano coa participación dos alumnos e alumnas do primeiro curso de Xoiería. “Para nós ten varios obxectivos: participar no desfile con xoiaría, e presentar as súas pezas en movemento, e facelo con modelos profesionais e cun público que recoñece a labor de axuntar artesanía e innovación en Galicia”, explica a mestra da EASD Mestre Mateo, Ana Seara.

 

Ana adianta que “este ano levaremos pezas vistosas enfocadas a un desfile como tiaras, un colar pensado para as costas ou pendentes”. “Adoitan a ser de grandes dimensións, nas que traballamos principalmente co corte láser en base de madeira, por suposto aplicando o encaixe, e algunhas están policromadas con pan de ouro e pan de ouro oxidado, aproveitando que temos o modular de Dourado e Policromía na Escola”, engade.

 

Para a EASD Mestre Mateo a experiencia do ano pasado “resultou moi positiva en tódolos sentidos. Permitiunos realizar un proxecto completo co alumnado de 1º curso, dende a idea persoal de cada un, facer probas e maquetas experimentando con diversos materiais que xeralmente non adoitamos a velos xuntos ou pensar en xoiaría”.

 

ADXUNTAMOS FOTOS DALGUNHAS DAS PEZAS

Fotografías de: De La Rúa Paniagua, Luis Carlos (Alumno de 1º e tamén un dos deseñadores).