24 Xuño, 2024
Desde hoxe, sábado 22 de xuño, o exalcalde de Camariñas Juan Bautista Santos Ramos conta cunha avenida co seu nome. A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, foi a encargada de descubrir a nova placa, tras aprobarse por unanimidade nun pleno extraordinario a proposta do goberno local para rebautizar a anterior avenida Eugenio López.
A rexedora destacou “a súa calidade humana, a súa capacidade para escoitar e a súa dedicación aos veciños e veciñas de Camariñas, que o fixeron merecedor do respecto e o cariño de todos. Juan Bautista dedicou toda a súa vida a conseguir o benestar e o progreso da nosa vila, deixando unha pegada indeleble no corazón de todos nós”.
Durante o seu discurso, Insua fixo un repaso polos moitos logros que conseguiu Juan Bautista durante o seu mandato e salientou que “grazas ao seu esforzo e dedicación, Camariñas conta con moitas das infraestruturas das que dispón hoxe en día”.
“Conseguiu, entre outras moitas cousas, levar a cabo a Escola Infantil, o centro de saúde para a Ponte do Porto, a traída para Camelle e Arou, a reforma da praza de San Xurxo, a ampliación do dique do porto de Camariñas, a ampliación dos acceso ao porto e do dique de Camelle, a traída a Santa María, o instituto, o paseo da Ponte do Porto, o de Camelle , o campo de fútbol de Camariñas, a Casa de Pedra, o Museo do Encaixe...”, indicou.
Tamén fixo fincapé en que “el foi o verdadeiro impulsor da Mostra do Encaixe de Camariñas, que se celebrou por primeira vez no 1991. El quería poñer en valor ás nosas palilleiras e ao encaixe e conseguiuno, agora a Mostra é unha pasarela de moda internacional e o encaixe é un produto exclusivo que usan os máis distinguidos deseñadores para darlle valor ás súas coleccións”.
“E, por suposto, tamén foi el, quen se non, quen impulsou a primeira Escola Taller da Costa da Morte. Unha escola que se inaugurou en 1992 e onde moitos camariñáns e camariñanas se formaron e despois desenvolveron a súa vida profesional en sectores como o da carpintería, o encaixe ou a acuicultura”, engadiu.
Por todo isto, “co desexo de manter viva a súa memoria e de recoñecer publicamente a súa inmensa contribución ao desenvolvemento de Camariñas, propoño que dende o Concello se proceda a nomear a Avenida Eugenio López como Avenida Alcalde Juan Bautista Santos Ramos”.
“Este xesto simboliza o noso agradecemento e admiración por todo o que fixo por nós. Juan Bautista non só foi un gran alcalde, senón tamén un home exemplar, un amigo, cuxa entrega e devoción seguirán inspirándonos durante moitos anos”, rematou.
No acto estivo presente toda a corporación municipal, que se desprazou ata a avenida para descubrir a placa co novo nome.