05 Febreiro, 2025
O Concello de Camariñas levará mañá, mércores 5 de febreiro, a pleno (16:30 horas) a aprobación do Plan Único 2025 da Deputación da Coruña polo que se destinarán un total de 470.711,83 euros para realizar diferentes obras e facer fronte a gastos correntes.
Así, por unha banda, o goberno local decidiu destinar 210.711,83 euros para levar a cabo os seguintes proxectos: a segunda fase da senda peonil a Lingunde (70.506,60 euros), a construción dunha pista polideportiva no CEIP O Areal (72.749,40 euros), a mellora de rúas no lugar do Allo na Ponte do Porto (36.901,08 euros) e a renovación do peche perimetral en catro pistas polideportivas exteriores (30.554,75 euros). Pola outra, 260.000 euros serán para financiar gastos correntes.
Plan Complementario 2025
Ademais, tamén se leva a pleno a aprobación do Plan Complementario 2025, valorado en total en 279.628,19 euros, e que se destinará a tres proxectos: humanización das rúas alcalde Noguera Patiño e Médico Tomás Artaza, arranxo e mellora de rúas no lugar de Santa Mariña e reparación do pavimento na rúa Carreira.
Na sesión plenaria de mañá tamén se tratará a aprobación inicial da modificación puntual da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Camariñas e Jesús Romar Canosa tomará posesión como novo concelleiro.