Camariñas deseña para 2025 un orzamento de 6 millóns de euros, dando prioridade aos servizos sociais e á mellora do municipio

  • O documento será sometido á votación do pleno o próximo luns, 24 de febreiro.
  • A área de servizos sociais ascende a 988.579,83 euros, incrementándose en 171.164,67 euros con respecto a 2024.
  • O anexo de investimentos suma 392.480,13 euros, destacando a aportación para a construción do Museo dos Naufraxios.

 

O goberno local de Camariñas elaborou a súa proposta de orzamento para o ano 2025, unha folla de ruta centrada en tres liñas fundamentais: o seu carácter social, tratando de por en marcha novos programas; a aposta por novos investimentos, que conseguirán unha mellora xeral en todo o municipio; e o impulso das actividades e festas culturais co obxectivo de dinamizar a economía.

 

O documento, que será presentado no pleno do próximo luns 24 de febreiro (16:30 horas), ascende este ano a 6.075.062,22 euros, aumentando en 227.244,48 euros con respecto ao último orzamento aprobado.

 

Os números do orzamento seguen a reflexar as principais liñas de actuación que o goberno local considera prioritarias. No apartado dos servizos sociais auméntase ano tras ano a partida, pasando de 817.415,16 euros no 2024 a 988.579,82 euros para este ano 2025, o que supón un incremento de 171.164,67 euro.

 

Cabe destacar tamén que as áreas de gasto correspondentes aos servizos públicos básicos ascenden a 2.282.754,87 euros, o que supón un 37,58% do orzamento total.

 

Séguese mantendo o orzamento destinado á Mostra do Encaixe co obxectivo de continuar cos esforzos por situar Camariñas como destino turístico e de por en valor aquelo que nos diferencia e as nosas tradicións como pobo. Ao mesmo tempo o goberno local considera que a súa realización supón un beneficio económico para os locais comercios do municipio.

 

Investimentos

No anexo de investimentos para o ano 2025 refléxanse actuacións moi demandas e necesarias para a veciñanza, facéndose un gran esforzo por mellorar as infraestruturas, destacando a aportación para a construción do Museo dos Naufraxios, o proxecto da segunda fase da senda peonil a Lingunde, o arranxo e melloras de rúas no lugar do Allo, mellora de parques infantís, pista polideportiva no Areal, peche das pistas polideportivas de Ponte do Porto, Santa Mariña, Xaviña e Camelle, entre outras. A totalidade dos investimentos ascende a 988.579,83 euros.

 

Neste orzamento tamén se recollen os axustes en gastos de persoal, como consecuencia da modificación que se pretende realizar na relación de postos de traballo.

 

A alcaldesa, Sandra Insua, explicou que “as contas do ano 2025 supoñen un novo paso para cumprir os obxectivos que nos fixamos, tendo como prioridade seguir apostando polos servizos sociais, priorizando os nosos maiores e as persoas máis vulnerables. En definitiva, apostar por seguir mellorando o noso concello”.

Descargas