06 Marzo, 2025
“O Mar na Escola”, o programa destinado a que os rapaces teñan contacto co mar, xa ten unha nova edición en marcha, que comezará este venres, 7 de marzo. A iniciativa do Concello de Camariñas, que naceu hai 21 anos, pretende que os rapaces e rapazas que estudan no municipio accedan ao mundo marítimo a través de deportes náuticos e tamén alcancen unha concienciación de respecto co valor natural do mar.
O programa está destinado aos alumnos de 5º e 6º de Primaria dos colexios CEIP O Areal de Camariñas e CEIP Ponte do Porto. En concreto, nesta edición participan 59 alumnos e alumnas, que probarán deportes como a vela ou o kayak.
En total, esta edición conta cun mínimo de cinco saídas prácticas por grupo ao mar, co fin de adquirir uns coñecementos mínimos da navegación a vela, das mareas, dos ventos e das diferentes embarcacións. Previamente fixéronse clases teóricas nas aulas.