26 Marzo, 2025
O Concello de Camariñas deu a coñecer hoxe o agardado programa da XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, que se celebrará do mércores 16 ao domingo 20 de abril e que co lema “Un mar de piques” busca salientar a forte conexión que existe na vila entre o mar e o encaixe, a natureza e a tradición.
Esta intención xa quedou plasmada no cartel e o vídeo promocional, unhas pezas creadas co obxectivo de reflectir, nun relato visual, o esforzo e a beleza dos dous piares fundamentais da vila, o encaixe e o mar, tecendo unha narrativa que fala do traballo diario, da dedicación e do amor pola terra, destacando as mans que coidan, crean e transforman.
Unha das principais novidades desta edición é a estrea dun novo concepto, o da “Firma Emerxente”, unha iniciativa coa que se pretende axudar a deseñadores emerxentes, que participaron nalgunha edición do concurso de Noveis Deseñadores e que seguen a promocionar o encaixe de Camariñas a través do seu traballo, a consolidarse como marca. Integrarase nos desfiles do concurso pero non optará ao premio.
Os desfiles desta trixésimo terceira edición serán: Grandes Deseñadores, algúns xa consolidados e outras novidades; Noveis Deseñadores; artesáns do Artencaixe; o novo desfile de Firmas Emerxentes; as Delegacións Internacionais; o PequeEncaixe, e as Encaixeiras Sénior.
Calendario
A apertura da trixésimo cuarta edición da Mostra terá lugar o mércores 16 de abril ás 15 horas, momento no que se iniciará o tradicional encontro de encaixeiras e encaixeiros da Costa da Morte no que tamén participará o alumnado das escolas infantís municipais. O acto de inauguración coas autoridades será ás 16:30 horas. Logo, a partir das 18 horas, comezarán os primeiros desfiles: os máis pequenos do “PequEncaixe” serán os encargados de pisar por primeira vez a pasarela e seguidamente os Grandes Deseñadores. Entre medias, amenizará a pasarela unha actuación de Fillas de Cassandra.
Durante os cinco días as firmas da categoría de “Grandes Deseñadores”, que se irán desvelando nos próximos días, subiranse ás pasarelas da Mostra para amosar as súas creacións con encaixe.
O desfile de “ArtEncaixe”, que sigue afianzándose na programación, estrearase o xoves, 17 de abril, ás 12:45 horas. Os artesáns, que tamén se irán coñecendo nos próximos días, chegarán de diferentes puntos de Galicia para demostrar que o encaixe é versátil e pode adaptarse a diferentes materiais.
Ese mesmo xoves, 17 de abril, tamén debutarán as persoas participantes no XXXI Concurso de Noveis Deseñadores no que se repartirán un total de 4.500 euros en premios e participarán un total de 41 mozas e mozos que están a dar os primeiros pasos no mundo da moda. O venres 18 ás 20:30 horas celebrarase o encontro entre grandes e noveis deseñadores e o domingo 20, a partir das 17:00, horas darase a coñecer o fallo do xurado.
A gran novidade desta edición, o desfile “Firma Emerxente”, poderá verse por primeira vez o xoves, 17 de abril, e repetirá o venres, 18 de abril, e o sábado, 19 de abril.
Outro ano máis volverán á Mostra as delegacións internacionais. O venres 18 ás 12:45 horas terá lugar o primeiro desfile das “Delegacións de encaixeiras internacionais”. Repetirán o sábado 19 ás 18:00 horas.
Un dos momentos máis agardados da Mostra son os desfiles do “Pequeencaixe”. As nenas e nenos das Escolas Municipais crean o seu propio encaixe durante todo o curso para posteriormente deseñar os vestidos e desfilar na Mostra. Convértense en palilleiras, deseñadores e modelos.
O mesmo ocorre no desfile de “Encaixeiras Senior de Camariñas” que terá lugar o domingo 20 ás 19:30 horas durante o acto de clausura do evento e no que veciñas e veciños do municipio amosan ao público as creacións que fixeron durante todo o ano.
Fillas de Cassandra, Budiño, Soledad Vidal, Rocío Camaño, David Amor e outras accións destacadas da programación
Este ano os asistentes poderán gozar da música do dúo vigués Fillas de Cassandra (o mércores 16 ás 18:00 horas horas durante o desfile inaugural da Mostra), do concerto “Cantares Atlánticos” da soprano Soledad Vidal e Aurelio Viribay (o xoves 17 ás 20:15 horas); ou da actuación de Rocío Caamaño (venres 18 ás 16:45 horas). O concerto de clausura da Mostra correrá este ano a cargo de Budiño (domingo 20 ás 19:30 horas).
Ademais, continuando coa tradición dos últimos anos, poderán rirse a esgalla con David Amor e o seu monólogo “Love está en el aire” que terá lugar o sábado, 19 de abril, ás 20:30 horas na propia pasarela.
Durante os cinco días escoitarase nos pavillóns da Mostra, mesturado co son dos palillos, o folclore das agrupacións Abrindo Rejo, Golpe de Mar, Con toda en banda, Vaiche Boa, Asociación Mar Devalado de Camelle e Asociación As Cansorriñas. Tamén o VIII Encontro de Corais no que participarán a Coral Polifónica Santa Cecilia de Coristanco, a Polifónica Alecrín de Brión (Ferrol) a Coral Brisas do Mar de Camariñas (domingo 20 ás 12:30 horas).
Aproveitarase o evento para a presentación de libros e publicacións como “Homes e Mulleres de Sal e Ferro” de Xesús Búa (xoves 17 ás 12 horas), “Cantareiras” de Icía Varela e Xosé Manuel Varela (xoves 17 ás 12:30 horas), a guía “Camariñas, un mar de encaixe” de Xan Fernández (venres 18 ás 12:15 horas), a nova edición de “El Cementerio de los Ingleses” de Alfonso de Sas (sábado 19 ás 11:40 horas), e o libro “Mar de Ardora, Mar de Galicia” da fotoxornalista Ana García (sábado 19 ás 12:00 horas).
O acto de clausura da XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas terá lugar o domingo 20 de abril ás 19:30 horas.
“Gourmet entre encaixes”
O Concello repetirá este ano na XXXIV Mostra do Encaixe De Camariñas Deputación da Coruña o “Gourmet entre encaixes”, un espazo dedicado ao sector alimentario no que se poderán instalar postos de venta ao público.
Esta nova zona, na que tamén se situará o bar da Mostra, terá unha decoración ambiental especial e contará cun espazo con mesas e cadeiras para que o público asistente á Mostra poida degustar alí mesmo os produtos que merque.
Durante toda a Mostra tamén haberá degustacións gastronómicas de polvo, a cargo de Frigoríficos de Camariñas (o venres 18 de abril ás 19:30 horas) e de rodaballo, a cargo de Stolt Sea Farm (o sábado 19 de abril ás 14 horas).
Tamén haberá demostracións artesanais e os pais e as nais poderán deixar aos máis pequenos no Parque Infantil con monitores cualificados.