26 Marzo, 2025
A XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación de Coruña suporá a estrea dunha nova iniciativa, a “Firma Emerxente”, un concepto co que se pretende axudar a deseñadores emerxentes, que participaron nalgunha edición do concurso de Noveis Deseñadores e que seguen a promocionar o encaixe de Camariñas a través do seu traballo, a consolidarse como marca.
O obxectivo que persegue a organización con esta acción é o de inspirar a outros deseñadores e deseñadoras e amosarlles o importante que é darlle valor ao traballo artesanal, ao Encaixe de Camariñas. “Queremos que as persoas que están comezando a súa andadura no mundo da moda vexan que, aínda que non gañen un premio, se siguen traballando e movéndose poden chegar a crear a súa firma e nós vamos a seguir apoiándoos”, explica a concelleira da Mostra, Encarna Liñeiro.
Nesta edición a “Firma Emerxente” será a de Xaquín Ruíz, que participou en varias ocasións no concurso, e que durante todo o ano promociona, a través das súas coleccións, o encaixe de Camariñas en feiras por Europa. El será o encargado de dar a apertura aos diferentes pases do certame de Noveis Deseñadores, integrándose así neste desfile.
“É un paso intermedio entre os novos deseñadores e as grandes firmas, unha forma de continuar a promocionar o seu traballo para que consiga consolidar a súa marca”, engade Encarna Liñeiro.