08 Abril, 2025
A música non podía faltar na programación da trixésimo cuarta edición da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, na que Fillas de Cassandra, Soledad Vidal e Budiño ofrecerán concertos o mércores, o xoves e o domingo, respectivamente.
Para a apertura, entre os desfiles de “PequEncaixe” e “Grandes Firmas” do mércores 16 de abril, Sara Faro e María SOA inaugurarán a programación musical desta edición e tras dar a coñecer tres novos sinxelos: Hibernarse, Arderse e Quebrantarse.
Este dúo musical galego combina a tradición oral e musical galegas co feminismo, a mitoloxía grega e sons modernos. A súa proposta escénica e calidade artística aposta pola recuperación das melodías tradicionais e novas letras. As súas composicións transitan da emotividade ao desenfado, acadando unha conexión entre as distintas xeracións que as seguen aló onde van.
O xoves, 17 de abril ás 20:15 horas, Soledad Vidal ofrecerá “Cantares Atlánticos”, un espectáculo que viaxa a través da poesía galega e imaxes evocadoras, con cancións como María Soliña ou Lela. Nesta viaxe conmovedora, a artista, natural de Camelle, acompañada do pianista Aurelio Virbay, homenaxea a todas esas mulleres que, máis alá da dor e a perda, constrúen as súas vidas con valentía, nun retrato dunha Galicia que é capaz de mirar a súa sombra, a súa Negra Sombra para poder celebrar a vida.
Clausurará a XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña Xosé Manuel Budiño, logo dos derradeiros desfiles desta edición, que darán comezo ás 19:30 horas.
Un dos grandes expoñentes da música galega, é artista de orixe e universal polo seu destino, viaxeiro convencido, creador incansable, innovador por convicción e soñador de melodías imposibles. Budiño é un artista atípico; é difícil atopar a alguén que esperte tanta admiración entre os seus. Inspírase nos pequenos sabores da música de raíz, pero sempre coa intención de crear unha música con estilo propio.
“Actividade subvencionada pola Deputación da Coruña”