A olería de Buño retorna á Mostra do Encaixe con Feituras, O Rulo, Alfarería La Cacharrera e Obradoiro Tonio

  • Será na pasarela Deputación da Coruña, nos desfiles de ArtEncaixe, onde poidamos ver as creacións que combinan o Encaixe coas pezas de barro.

 

A olería de Buño retorna á Mostra do Encaixe con Feituras, O Rulo, Alfarería La Cacharrera e Obradoiro Tonio, nunha combinación de pezas de barro e Encaixe de Camariñas que se poderán ver na pasarela Deputación da Coruña, nos desfiles da categoría de ArtEncaixe.

 

“Un ano máis estamos encantados de participar na Mostra do Encaixe de Camariñas, na que como sempre digo, se conxugan á perfección dúas artesanías tan diferentes”, comenta María Canedo, de Feituras, quen afirma que “aplicar o Encaixe ás pezas de barro pode ser máis ou menos complexo. Nalgunhas pode resultar sinxelo, pero noutras ten dificultades realizar esta combinación con harmonía e respectando o deseño orixinal.”

 

Respecto a un pequeno adianto do que levarán os oleiros de Buño a Camariñas, “só podemos adiantar que estamos a realizar pezas exclusivamente para esta triséximo cuarta edición, que se darán a coñecer ao momento no desfile de ArtEncaixe.”

 

O público que se achegue á XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas, que se celebrará no pavillón Victor Vigo do 16 ao 20 de abril, poderá desfrutar destas pezas nos desfiles de ArtEncaixe, que terán lugar na pasarela Deputación da Coruña nos seguintes días e horarios:

 

  • Xoves 17 de abril ás 12:45 (grupo A) e ás 18:00 horas (grupo B).
  • Venres 18 de abril ás 12:45 (grupo B) e ás 16:45 horas (grupo A).
  • Sábado 19 de abril ás 12:30 (grupo A) e ás 18:00 horas (grupo B).

“Actividade subvencionada pola Deputación da Coruña”