O Concello urxe á Xunta de Galicia a mellorar a seguridade dos pasos de peóns na estrada AC-432

O Concello urxe á Xunta de Galicia a mellorar a seguridade dos pasos de peóns na estrada AC-432

  • Hoxe produciuse un grave atropelo dun menor nun paso de peóns do núcleo urbano da Ponte do Porto.
  • “Non é un feito illado, producíronse outros atropelos en diferentes puntos desta mesma estrada autonómica ao seu paso por Camariñas”, sinalan desde a administración local.
  • Solicítase a instalación inmediata de sinalización vertical clara e visible, a implementación de medidas de calmado de tráfico e a revisión integral de todos os pasos de peóns.

 

O Concello de Camariñas enviou hoxe, xoves 10 de abril, un escrito á Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia solicitando que se mellore, de xeito urxente, a seguridade nos pasos de peóns na estrada autonómica AC-432 ao seu paso polo municipio.

 

Este requirimento enviouse tras producirse hoxe un grave atropelo dun menor no paso de peóns situado no cruzamento da estrada AC-432 no núcleo urbano de Ponte do Porto coas rúas Pías e Avenida de Xarás. Ao lugar do accidente acudiu a Garda Civil de Tráfico e constatouse a ausencia de sinalización vertical indicativa de paso de peóns, contribuíndo isto a aumentar o risco para os viandantes.

 

“Este lamentable suceso non é un feito illado, temos constancia de que se produciron outros atropelos en diferentes puntos desta mesma estrada autonómica ao seu paso polo noso municipio, o que evidencia un problema de seguridade viaria que require unha intervención urxente e decidida por parte da administración titular da vía”, sinalan desde o Concello.

 

O goberno local lembra que, “ante a reiterada demanda veciñal e a preocupación pola seguridade dos peóns este Concello procedeu á instalación dun badén nun dos pasos de peóns máis próximos ao centro educativo de Ponte do Porto, unha medida que foi retirada posteriormente por orde da Xunta de Galicia, que ademais sancionou ao Concello por dita actuación”. Por outra banda, no pasado pleno ordinario o goberno local tamén presentou unha moción pedindo a mellora da seguridade na AC-432.

 

Por isto, o Concello solicita á Xunta de Galicia que se adopten, á maior brevidade posible, as medidas necesarias para mellorar as condicións de seguridade dos pasos de peóns da estrada AC-432 ao seu paso polos núcleos urbanos, incidindo: na instalación inmediata de sinalización vertical clara e visible en todos os pasos de peóns; no estudo e implementación de medidas de calmado de tráfico efectivas; e a revisión integral da seguridade de todos os pasos de peóns existentes na AC-432 co fin de identificar os puntos críticos e aplicar as melloras necesarias.