A praza de María Pita na Coruña será este sábado a primeira pasarela da XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas

  • Realizarase un desfile ás 19 horas no que se amosarán coleccións dos deseñadores Jose Matteos, Joaquín Ruíz, Anamingo, Andion Clothing e Ana Cabranes.
  • “Queremos que esta acción promocional sirva como promoción previa á Mostra, achegando o espírito do evento aos veciños e veciñas da Coruña”, explica Sandra Insua.

 

A Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, que celebrará a súa trixésimo cuarta edición do 16 ao 20 de abril, avanza unha pequena parte do seu espírito creativo e artesanal este sábado 12 de abril na praza de María Pita da Coruña cun desfile-exhibición que servirá de antesala ao evento.

 

A cita comezará arredor das 19:00 horas e converterá o corazón da cidade herculina nun escaparate do talento dalgúns dos deseñadores participantes na Mostra. No caso de choiva, a actividade trasladarase aos soportais da praza.

 

No desfile exhibiranse as coleccións que presentaron en anteriores edicións da Mostra deseñadores como Jose Matteos, Joaquín Ruíz, Anamingo, Andion Clothing e Ana Cabranes. Dez modelos lucirán as súas creacións, cunha preparación previa que comezará ás 16:00 horas no estudo de Jennifer Fuentes, onde se encargarán da maquillaxe e do peiteado.

 

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, explica que “con esta acción promocional queremos achegar o espírito da Mostra aos veciños e veciñas da Coruña, reivindicando o valor do encaixe de Camariñas como símbolo de tradición, moda e innovación. Será un adianto do que se poderá vivir en Camariñas do 16 ao 20 de abril, nunha edición que volverá reunir palilleiras, deseñadores e amantes da cultura galega arredor do encaixe”.

“Actividade subvencionada pola Deputación da Coruña”