14 Abril, 2025
Os nenos e nenas da Escola de Palillo municipal son o futuro do encaixe e da Mostra e por iso, ano tras ano, aprovéitase a Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña para recoñecer o seu traballo. Nesta ocasión recibirán un agasallo moi especial: o libro “Un viaje por el espacio”, da camariñana Águeda Antelo.
A entrega do agasallo, na que participará a propia autora, terá lugar o sábado, 19 de abril, a partir das 13:30 horas cando remate o sempre emocionante e divertido desfile do PequEncaixe.
O libro “Un viaje por el espacio” surxe a raíz do Traballo de Fin de Máster de Águeda Antelo, que cursou Educación Infantil e logo fixo o Máster de Psicoloxía Aplicada a Contextos Educativos. O traballo consistía en facer unha intervención no proceso de organización na escritura de contos nos nenos e nenas de Educación Infantil e ela decidiu levala a cabo nas aulas de 5 anos dos colexios de Camariñas e de Ponte do Porto.
“Para facer o traballo necesitaba un tema que me dese moito material e por iso decidín escoller o espazo cos seus planetas, asteroides, marcianos... Foron 8 semanas de intervención no colexio de Camariñas e eu, cada día que chegaba, contáballes aos nenos e nenas un pouco da historia do meu libro e a partir de aí traballábamos diversas actividades relacionadas co espazo. Toda a intervención ía unida a unha historia coa que eles estaban familiarizados”, indica a autora.
“Actividade subvencionada pola Deputación da Coruña”