21 Abril, 2025
A xornada de clausura da XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña serviu para coñecer aos gañadores do XXXI concurso de Noveis Deseñadores. O primeiro premio, entregado pola alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, recaeu nas mans de Estefanía Orgaz e Pedro Orgaz, que conquistaron ao xurado profesional coa súa colección Mitra.
O responsable da planta de Vilán de Stolt Sea Farm, José Figueroa, entregoullle o premio a Ritual de lume e sombra, de Yara González Barral, que quedou en segundo lugar; mentres que a colección Paint it colors de Lucía Janeiro, Clara Rey e Antonio Soto que recibiu o premio da responsable de relacións institucionais de Frigoríficos de Camariñas, Verónica Canosa; acadou o terceiro posto. O cuarto premio, entregado pola presidenta da Asociación de Empresarios e Promoción Turística de Camariñas, Olga Campos, foi para Onitze Aramburu e Sofía Puertas, con Apar.
Nesta edición repartíronse un total de 4.500 euros en premios divididos do seguinte xeito: un primeiro premio de 2.100 euros, un segundo de 1.200 euros, un terceiro de 700 euros, e o cuarto de 500 euros.
Optaron a estes galardóns un total de 38 mozas e mozos que están dando os seus primeiros pasos no mundo da moda. A procedencia dos noveis deseñadores foi moi diversa, formados nas mellores escolas a nivel estatal.
O xurado estivo composto polas seguintes deseñadoras e deseñadores: Modesto Lombra, Charo Carrillo, Ana Cabranes, Claudina Mata e Francisco Basteiro.
Na clausura, a concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro, afirmou que “a Mostra é un evento que conserva a súa esencia máis pura, pero que soubo evolucionar, medrar e adaptarse aos novos tempos sen perder a súa identidade. Hai anos que deixou de ser só un escaparate de artesanía, hoxe é unha pasarela de referencia no mundo da moda, recoñecida en todo o país”.
No seu discurso salientou que “este ano o noso “Mar de Piques” representou esa forza colectiva, esa artesanía feita de salitre e talento que nos identifica. Porque aquí, entre piques, deseños, libros, concertos e moita emoción... seguimos tecendo o futuro. Levamos días escoitando o son dos palillos, vendo sorrisos, intercambiando palabras co público, cos expositores, coas palilleiras… e todos coincidimos: Camariñas ten algo único. E por iso, volveremos o ano que vén, con novas ideas, novos proxectos e a mesma ilusión de sempre”.
“Actividade subvencionada pola Deputación da Coruña”