21 Abril, 2025
O Concello de Camariñas ven de solicitar unha subvención á Xunta de Galicia para financiar o proxecto de acondicionamento da planta alta da Casa do Mar de Camelle, unha actuación que conta cun orzamento total de 33.333,33 euros.
O obxectivo é o de renovar a estancia para que quede preparada para poder levar a cabo actividades culturais. Os traballos inclúen: a retirada do falso teito e a demolición de tabiques, saneado das vigas e pilares estruturais, adaptación dun aseo para que poida ser usado por persoas con mobilidade reducida, renovación da instalación de electricidade, instalación de tabiques dentro do espazo, colación de portas de madeira e pintado.
O goberno local continúa así a dar os pasos necesarios para a rehabilitación por completo da Casa do Mar de Camelle, onde proximamente comezarán as obras de renovación da cuberta, uns traballos que contan cun investimento de 122.528,60 euros e que están financiados a través do Plan Único da Deputación da Coruña.