28 Abril, 2025
O Museo Man de Camelle e a sala de exposicións do Faro Vilán acollerán durante todo o mes de maio dúas exposicións nas que se poderán apreciar diferentes expresións da arte balear: “Cestos-Senalles” estará no faro e “Mujeres en la india” no museo.
Estas dúas exposicións están organizadas polo Concello de Camariñas e chegan á vila da man das asociacións Art amb B e Ambaca, a través do Instituto de Estudios Balearicos.
Por unha banda, a sala de exposicións do Faro Vilán albergará, do 3 ao 30 de maio, a exposición “Cesetos-Senalles”, unha mostra colectiva de 24 cestos artesanais intervidos por artistas mediterráneos. A cesta, un elemento que foi substituído por bolsas de plástico, serviu como elemento inspirador para os artistas, creando a partir dunha obra de artesanía unha verdadeira obra de arte.
Pola outra, o Museo Man de Camelle acollerá, do 3 ao 31 de maio, a exposición “Mujeres en la india”, onde 8 artistas de Ibiza (Aphon, Carmen Liberal, Lina Ardinach, Marga Juan, Marga Guasch, Matilde Hernández, Pilar Cuesta e Patricia Boned) amosan as súas obras inspiradas na súa estancia na Fundación Vicente Ferrer en Anantapur (India), acompañadas pola poeta Yolanda Bonet.