06 Xuño, 2025
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e o artista pitiuso Ángel Zabala asinaron onte, mércores 4 de xuño, o acordo de doazón permanente ao Concello de Camariñas a obra “Nit Mediterrània”, que está valorada en 10.000 euros.
Esta instalación, formada unicamente dunha peza, invita a reflexionar sobre o drama da emigración ilegal e as duras condicións da viaxe que realizan milleiros de persoas ao atravesar o mar en busca dunha vida mellor. A mostra xa se puido ver nas Illas Baleares, en Alicante e tamén na Lonxa Vella de Camariñas. Agora mesmo, e ata finais do verán, pode verse na sala de exposicións do Faro Vilán e a idea do goberno local é que forme parte do futuro Museo dos Naufraxios.
Ángel Zabala viaxou en numerosas ocasións a Camariñas, expoñendo as súas obras tanto no Museo Man de Camelle como na sala de exposicións do Faro Vilán, e cree que “la Costa da Morte, tierra de naufragios, es el lugar ideal donde debe descansar esta obra” e por este motivo a cede gratuitamente ao Concello.
Pola súa parte, Sandra Insua agradece “o xesto de Ángel Zabala” e explica que “con esta obra buscamos darlle visibilidade a esta situación, que por desgraza está moi vixente, e deixar unha pegada permanente da obra dun artista de gran potencia visual e compromiso social”.