15 Setembro, 2025
A Oficina de Turismo de Camariñas anunciou hoxe un balance moi positivo da tempada de verán 2025, cun total de 7.718 visitantes rexistrados entre os meses de xuño, xullo e agosto. Estes datos, que reflicten un notable incremento no interese pola nosa comarca, consolidan a Camariñas como un destino turístico de primeiro nivel.
A análise detallada da procedencia dos visitantes revela que a gran maioría procede doutras zonas do Estado, cunha destacada presenza da propia comunidade. Galicia, cun 37,9% do total das visitas, encabeza a lista, seguida moi de preto pola Comunidade de Madrid, que representa o 32,0%, e a continuación Cataluña e Euskadi, que seguen en aumento nos últimos anos.
En canto ao turismo internacional, os datos demostran que a reputación da zona continúa medrando fóra das nosas fronteiras. Francia, como en anos anteriores, lidera a lista, seguida de Inglaterra, e con un incremento notable de visitantes de Portugal e Italia.
“A afluencia de visitantes deste verán é un reflexo do traballo de promoción e da riqueza da nosa oferta cultural e natural. O encaixe, as nosas paisaxes e a nosa gastronomía son piares que atraen cada vez a máis persoas, e estamos orgullosos de poder amosarlles o mellor da nosa terra”, declarou a alcaldesa de Camariñas.