O Concello de Camariñas remata as obras de mellora de rúas no Allo, na Ponte do Porto

  • Os traballos consistiron na renovación dos pavimentos e na instalación dunha rede de drenaxe de augas pluviais para evitar asolagamentos.
  • O proxecto supón un investimento de 37.000 euros, financiados a través do Plan Único da Deputación da Coruña.

 

O Concello de Camariñas vén de concluír as obras de mellora de rúas no lugar do Allo, na parroquia da Ponte do Porto. Esta actuación, que tiña como obxectivo principal solucionar as deficiencias nos pavimentos e dotar á zona dun sistema axeitado de evacuación de augas, supuxo un investimento total de 36.901,08 euros, financiados a través do Plan Único da Deputación da Coruña.

 

A área de intervención concentrouse na zona máis alta do núcleo rural do Allo, onde as fortes pendentes e a ausencia dunha rede de pluviais provocaban constantes arrastres de terra e deterioración dos camiños durante os episodios de choiva. Para dar unha solución integral, os traballos dividíronse en tres tramos diferenciados.

 

Con esta obra, o goberno local dá resposta a unha demanda veciñal, mellorando sensiblemente as condicións de seguridade e comodidade tanto para o tráfico rodado como para os viandantes, ao tempo que se adecúa a contorna deste núcleo rural.