30 Marzo, 2026
O Concello de Camariñas rematou as obras de renovación do peche perimetral nas pistas polideportivas exteriores de Xaviña, Santa Mariña, Camelle e Ponte do Porto. Con esta intervención, o goberno local conclúe unha demandada mellora nestas infraestruturas deportivas. A actuación supuxo un investimento total de 30.000 euros e foi financiada a través dos fondos do Plan Único da Deputación da Coruña.
Os traballos consistiron na substitución e reparación dos antigos peches perimetrais destas pistas ao aire libre. Debido ao paso do tempo, á exposición ás condicións meteorolóxicas e ao seu uso continuado, as mallas e as estruturas de peche presentaban un evidente estado de deterioración que facía precisa a súa renovación.
A instalación dos novos valados garante agora un espazo moito máis seguro para a práctica deportiva da veciñanza, evitando a saída de balóns fóra do recinto e renovando a estética destas instalacións públicas.
Dende o goberno local destacan que o mantemento e a modernización dos espazos de lecer e deporte é unha das prioridades do Concello. "Queremos que a nosa veciñanza, e moi especialmente os nosos nenos e mozos, dispoñan de lugares seguros e en óptimas condicións para facer deporte e socializar en todas as nosas parroquias", sinalan.