O Concello de Camariñas arrinca a fase práctica do programa pioneiro “O Mar na Escola” con 87 estudantes

  • Un total de 87 alumnos e alumnas de primaria e da ESO comezan as saídas ao mar tras finalizar a formación teórica nas aulas.
  • O goberno local subliña que o éxito desta iniciativa única na comarca, activa desde 2004, é posible grazas ao apoio imprescindible e continuo dos centros educativos.

 

O peirao de Camariñas volve a converterse nunnha gran aula aberta ao mar. O Concello vén de poñer en marcha a parte práctica dunha nova edición do programa “O Mar na Escola”, unha iniciativa na que este ano participan un total de 87 rapaces e rapazas do municipio e que lles permite coñecer de primeira man a realidade da contorna mariña e do sector pesqueiro local.

 

As actividades prácticas comezaron este mes para o alumnado de 5º e 6º de Primaria do Colexio de Camariñas e do Colexio da Ponte do Porto, ademais do Instituto da Ponte do Porto, que xa remataron previamente toda a fase teórica nas súas respectivas aulas.

 

A participación nesta edición repártese do seguinte xeito:

 

  • Colexio da Ponte do Porto: 38 alumnos/as (20 de sexto e 18 de quinto).
  • Colexio de Camariñas: 26 alumnos/as (14 de sexto e 12 de quinto).
  • Instituto da Ponte do Porto: 23 alumnos/as de 1º e 2º da ESO.

 

Unha traxectoria de 22 anos e o apoio vital dos colexios

 

O concelleiro de Deportes, Fabián Canosa, destaca a enorme importancia e a longa traxectoria de “O Mar na Escola”. “Trátase dun programa pioneiro e único en toda a comarca, que suma xa 22 anos de historia e que se mantén activo ininterrompidamente dende 2008 no seu formato actual”, afirma.

 

A gran singularidade deste proxecto é que está plenamente integrado na actividade lectiva dos rapaces. Neste sentido, o goberno municipal quere facer un agradecemento público e especial á comunidade educativa, xa que esta actividade "non podería seguir adiante sen o apoio dos colexios e do instituto, que son os que seguen apostando polo programa ano tras ano e facilitando a súa inclusión no horario escolar".

 

Colaboración institucional

 

Para o desenvolvemento loxístico e de seguridade destas saídas prácticas, o programa conta coa colaboración da Xunta de Galicia. A administración autonómica faise cargo do pago dos seguros de todos os participantes, así como do financiamento do transporte. En total, a Xunta sufraga as 14 viaxes en autobús necesarias para trasladar aos alumnos e alumnas dende os seus respectivos centros de ensino ata o peirao de Camariñas.

 

Ademais, o Club Náutico de Camariñas cede as instalacións que permiten levar a cabo o día a día do programa.

 

Con esta nova edición, Camariñas reafirma o seu compromiso coa educación ambiental e patrimonial das novas xeracións, garantindo que os máis novos non vivan de costas ao mar que dá nome, identidade e futuro á súa vila.

Deportes

Contacto Deportes

Concello de Camariñas. Praza de Insuela
Tfno. 981736000
Técnico de deporte:
deportes@camarinas.net
Conc. Delegado Deportes:
fabian.canosa@camarinas.net