O Concello impulsa o proxecto “Sementando Memoria” para honrar ás vítimas do franquismo e promover os valores democráticos

O Concello impulsa o proxecto “Sementando Memoria” para honrar ás vítimas do franquismo e promover os valores democráticos

  • A iniciativa inclúe a creación dun Sendeiro da Memoria con realidade aumentada, a instalación de paneis informativos e a supresión de simboloxía contraria á memoria democrática.
  • Os días 30 e 31 de outubro desenvolverase unha completa programación con ofrendas florais, proxección de documentais e relatorios a cargo de expertos como Rafael Lema e Luís Lamela.

 

O Concello de Camariñas vén de presentar o proxecto "Sementando Memoria", unha iniciativa que ten como finalidade principal dignificar ás persoas represaliadas polo golpe de estado de 1936 e a ditadura franquista, así como promover o coñecemento da historia local e os valores democráticos entre a cidadanía.

 

O proxecto abarca diversas liñas de actuación, comezando pola supresión de simboloxía contraria á memoria democrática no rueiro municipal. Ademais, procederase á instalación dun panel informativo de memoria democrática na Ponte do Porto, que incluirá o contexto histórico, a listaxe de persoas represaliadas, o mapa do roteiro e a explicación do funcionamento do sendeiro.

 

A innovación tecnolóxica tamén será protagonista coa creación do Sendeiro da Memoria da Ponte do Porto, configurado como un recurso permanente de interpretación. Trátase dun roteiro dixital con realidade aumentada xeolocalizada a través da plataforma ONIRIX. A nivel divulgativo, o proxecto tamén contempla a edición da publicación “Sementando memoria”, que recolle biografías das vítimas e un estudo histórico da represión no ámbito local.

 

Programación das Xornadas da Memoria Democrática

 

Como eixo central da iniciativa, o Concello organiza unhas Xornadas da Memoria Democrática durante a fin de semana do 30 e 31 de outubro, combinando actos institucionais de homenaxe –consistentes na lectura pública dos nomes das persoas represaliadas e na colocación de flores– con actividades educativas e culturais.

 

O programa de actos é o seguinte:

 

Venres, 30 de outubro

12:00 h: Ofrenda floral no Memorial da Ponte do Porto.  

12:45 h: Ruta da Memoria co alumnado do IES Pedra da Aguia, guiada por Rafael Lema.  

19:00 h: No Centro Cultural da Ponte do Porto (Casino), terá lugar a presentación do libro "A República e a Guerra Civil en Camariñas", a cargo de Rafael Lema. A xornada pecharase coa proxección do documental "Ezkaba: La gran fuga de las cárceles franquistas".  

 

Sábado, 31 de outubro

10:00 h: Ofrenda floral e inauguración da Avenida das palilleiras.

11:00 h: No Faro Vilán, conferencia sobre a represión franquista na Costa da Morte, impartida por Luís Lamela García. A continuación, proxección do documental "La red Ponzán".