Presentación do cartel da terceira edición de “Ponte Friki”, o grande evento de cultura e lecer alternativo da Costa da Morte

  • Terá lugar o 6 e 7 de marzo de 2027 no pavillón da Ponte do Porto, onde se manterá a ampliación de carpas da edición anterior e engadiranse melloras para garantir un maior confort.
  • Sandra Insua e Encarna Liñeiro, xunto con membros da organización, desvelaron a imaxe gañadora do certame para escoller o cartel, obra do artista Javier Villa Blanco.

 

O Concello de Camariñas vén de presentar oficialmente o cartel da que será a terceira edición de Ponte Friki, o grande evento de cultura e lecer alternativo que regresará á Ponte do Porto os vindeiros días 6 e 7 de marzo de 2027.

 

O acto de presentación contou coa participación da alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e da concelleira de Cultura, Encarna Liñeiro, que puideron descubrir a nova imaxe xunto á organización do evento, destacando o empuxe e a ilusión con que se afronta esta nova entrega tras o rotundo éxito dos anos anteriores.

 

Como vén sendo habitual, e co firme propósito de apoiar e dar visibilidade ao traballo de novos creadores, a imaxe desta terceira edición elixiuse a través dun concurso. A convocatoria deste ano foi un auténtico éxito, recibindo máis de 35 propostas participantes (superando as 20 da edición anterior). Finalmente, o cartel gañador que porá rostro a Ponte Friki 2027 é obra do artista Javier Villa Blanco.

 

“Lo primero que pensé al empezar a explorar ideas fue mantener el puente de Camariñas como eje de la ilustración, y poder navegar por sus arcos. Quería hacerlo de una forma menos previsible, aprovechando cada arco del puente para integrar personajes y elementos del mundo de los videojuegos, los cómics y el cine que, en mayor o menor medida, nos han acompañado a través de innumerables historias”, explica o artista.

 

Consolidación e melloras no recinto

 

Aínda que faltan algúns meses para a data sinalada, a organización quixo recalcar que continúan a traballar no proxecto "con máis ganas que nunca". A pasada edición marcou un fito ao congregar a máis de 2.500 persoas, o que demostra o enorme interese que esperta este mundo na comarca.

 

Para dar cabida a esta gran afluencia de público, o evento manterá a ampliación de aforo estreada o ano pasado. Deste xeito, o pavillón polideportivo da Ponte do Porto volverá contar con dúas carpas anexas, pero con importantes novidades: este ano engadirase un maior grao de confort nestas instalacións para mellorar a experiencia de todos os asistentes.

 

Con estas melloras e unha programación que promete unha fin de semana repleta de cultura, diversión e talento, Ponte Friki aséntase definitivamente como o evento “friki” de referencia en toda a Costa da Morte, atraendo a Camariñas a un público fiel e cada vez máis numeroso.