• As especialidades do terceiro programa mixto que realizan conxuntamente os tres municipios son "Conservación e mellora de montes" e "Pavimentos e albanelería de urbanización".
  • O acto inaugural tivo lugar hoxe no Museo do Encaixe de Camariñas, concello promotor.

O Museo do Encaixe de Camariñas acolleu hoxe a presentación do obradoiro de emprego ‘Construíndo futuro’, do que é promotor o Concello de Camariñas e que supón o terceiro programa mixto de emprego e formación que realizan conxuntamente os Concellos de Camariñas, Vimianzo e Muxía, e que neste caso mellorará a ocupabilidade de 20 persoas.

 

No acto estiveron presentes a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua; a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; o alcalde de Muxía, Iago Toba; o delegado da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor; e a xefa territorial de Emprego e Igualdade, Judit Fontela.

 

O programa, que rematará o 28 de xullo de 2022 e que se leva a cabo a cargo dunha subvención por valor de 346.946 euros da Consellería de Emprego e Igualdade, inclúe dúas especialidades: ‘Conservación e mellora de montes’ e ‘Pavimentos e albanelería de urbanización.

 

Entre os obxectivos das actuacións a realizar, destacan os mantementos no monte Covadiña de Camariñas; a actuación, conservación e mellora de zonas axardinadas de Quintáns, Viseo e Caberta, en Muxía; a actuación forestal e de xardinaría no polígono industrial de Vimianzo, así como no campo da festa de Bamiro, na parcela Insua e na área recreativa do Val; o acondicionamento da praza Insuela, en Camariñas; ou as actuacións de albanelería de urbanización na sala de máquinas da piscina municipal de Vimianzo.

 

Sandra Insua cualificou este día como “histórico porque rubricamos o terceiro obradoiro de emprego conxunto en menos de dous anos, todo un fito para a Costa da Morte en xeral e para Camariñas, Vimianzo e Muxía en particular” e amosou a súa intención de “seguir traballando para facer realidade experiencias como á que hoxe lle damos a benvida porque temos a obriga e estamos comprometidas coa inserción laboral na nosa sociedade”.

 

Mónica Rodríguez dirixiuse ao alumnado e explicou que “agardamos que sexa o paso previo para formar parte do mundo laboral que vos servirá para desenvolvervos en todos os ámbitos da vosa personalidade” e desexoulles “a mellor das sortes, que a partir de pequeniños pasiños poidades achegarvos un pouquiño máis á meta”.

 

Iago Toba subliñou que “é a primeira vez que acollemos nun período de tempo tan breve tres obradoiros de emprego como estes. Lonxe de suponer unha efeméride, temos que seguir loitando por consideralo unha experiencia que se achegue ao convencional”.

 

Pola súa parte, Gonzalo Trenor, salientou “o esforzo importante que están a facer as administracións neste sentido” e animou aos participantes “a sacarlle o máximo rendemento aos 9 meses de formación que agora empezades xa que o obxectivo do obradoiro é mellorar a vosa empregabilidade coa finalidade de que atopedes un posto de traballo cando finalicedes!.