14 Febreiro, 2022
O espírito do Entroido volverá este ano por fin a Camariñas cunha programación que vai do sábado 26 de febreiro ao mércores 2 de marzo, que chegará a todas as parroquias e na que destacan os bailes de disfraces, a música, os inchables e os doces.
O sábado 26 de febreiro instalarase en Camelle unha gran carpa na que, de 16 a 20 horas, haberá música en directo a cargo do dúo ‘Plan B’, inchables e unha chea de doces típicos do Entroido.
O domingo 27 de febreiro, de 12 a 15 horas, o paseo marítimo da Ponte do Porto acollerá unha sesión vermú a cargo do dúo ‘Charada’, inchables e doces para os máis pequenos. Ese mesmo día o Entroido tamén viaxará ata Xaviña, concretamente á Casa da Sociedá, onde de 16 a 19 horas haberá inchables, música e unha gran merenda.
O martes 1 de marzo haberá baile de disfraces en Camariñas. Será de 16 a 20 horas no pavillón Víctor Vigo e inclúe música en directo a cargo do dúo ‘Charada’, inchables, filloas e chocolatada.
Poñerase punto e final ao Entroido o mércores 2 de marzo co tradicional Enterro da Sardiña, que sairá de Camariñas ás 12 horas facendo un percorrido por Xaviña, Arou, Camelle e Ponte do Porto. O funeral será ás 18 horas na Praza do Mercado de Camariñas con chocolatada e churros.