24 Marzo, 2025
Hoxe, 22 de marzo, deu comezo o “Ponte Friki”, o primeiro evento de cultura “friki” da Costa da Morte, que celébrase durante esta fin de semana no polideportivo da Ponte do Porto. Esta iniciativa está organizada polo Concello de Camariñas e a Asociación PonteDisfraz.
“Ponte Friki” aglutina, nun mesmo evento, actividades relacionadas coa cultura “friki”, xaponesa, gaming (videoxogos), cosplay (difraces de personaxes de series, películas, anime, manga ou videoxogos), debuxo, artesáns...
O pavillón conta con varios espazos onde realizar diferentes actividades: stands onde os artistas e artesáns venden os seus produtos; unha zona onde xogar a videoxogos (ten un apartado de xogos indie, creados por xente nova que está comezando desde cero e que se poderán probar para darlles suxerencias); obradoiros (para aprender a crear o teu sable de luz de Star Wars, creación de pezas con Lego, escribir o teu nome en xaponés, creación dun terrario Pokeball...); un escenario con charlas de diversos temas (VTubers, psicoloxía no anime, itinerario para viaxar a Xapón, concurso de Cosplay, Kpop...); e diversas actividades de ocio (paintball, Escape Room, xogo de rol a gran escala, xogos de mesa, duelos de sables de luz...).
Ademais, para hoxe, ás 21:00 horas está prevista a celebración da festa “PartyFriki”, na que se porá un código de vestimenta moi fácil de cumprir: só haberá que ir con calquera complemento ou roupa que se considere “friki”. Por exemplo, poderán entrar persoas que leven as gafas de Harry Potter e a súa bufanda. Haberá un concerto do grupo Freak Gzm, un grupo dedicado a cancións de temática “friki” con repertorio galego. A entrada é gratuíta.
Os prezos das entradas para “Ponte Friki” son de 3 euros por un día e de 5 euros para os dous días.