O Concello de Camariñas nomeará ao recoñecido locutor Marcial Mouzo como fillo predilecto

O Concello de Camariñas nomeará ao recoñecido locutor Marcial Mouzo como fillo predilecto

  • O acto oficial terá lugar o próximo 15 de xullo.
  • O goberno local quere recoñecer así a prolífica traxectoria do comunicador camariñán, recentemente xubilado tras 41 anos en antena, e o seu vínculo co municipio.

 

O Concello de Camariñas anunciou hoxe que o vindeiro 15 de xullo celebrarase o acto oficial no que se nomeará a Marcial Mouzo como Fillo Predilecto da vila. Con este recoñecemento, a corporación municipal quere render homenaxe a un dos camariñáns máis ilustres e queridos, cuxa voz acompañou a milleiros de galegos e galegas durante décadas.

 

Marcial Mouzo Vidal, que vén de xubilarse neste mesmo mes de febreiro, pecha unha brillante etapa profesional tras 41 anos de traxectoria na Radio Galega. Dende o ano 1996 estivo á fronte de “Pensando en ti”, o programa líder das madrugadas en Galicia, que el mesmo axudou a converter nun auténtico fenómeno social e nunha gran familia para os seus oíntes.

 

Durante máis de catro décadas, Marcial Mouzo foi moito máis que un locutor; foi a luz e a compañía de panadeiros, transportistas, mariñeiros, xente da diáspora e tantas persoas que atoparon no seu espazo radiofónico un lugar de escoita activa, diálogo e agarimo nas horas máis silenciosas do día. Malia traballar dende os estudios de Santiago de Compostela, Marcial sempre levou a Camariñas por bandeira, exercendo de embaixador da nosa terra e da nosa lingua en cada recuncho onde chegaban as ondas da radio.

 

Un merecido recoñecemento institucional

 

O nomeamento como Fillo Predilecto é a máxima distinción que pode outorgar o Concello a un veciño nacido no municipio. “Camariñas devolveralle a Marcial Mouzo unha pequena parte de todo o cariño e a dedicación que el repartiu ao longo da súa extensa e exitosa carreira profesional”, explica a alcaldesa, Sandra Insua.

 

“Desde o Concello convidaremos no seu momento a toda a veciñanza a sumarse a este acto para acompañar a Marcial neste día tan especial e histórico para a nosa vila”, engade.

Cultura

Contacto Cultura

Plaza de Insuela 57 15123 Camariñas.
Teléfono: 981736000 – Fax: 981736199
Conc.Delegada de cultura:
encarna.lineiro@camarinas.net
Bibliotecaria: 
cultura@camarinas.net
Educadora: 
edu.adultos@camarinas.net