Lola de Logaro transforma o encaixe de subsistencia en rebeldía e liberdade na pasarela do ArtEncaixe da Mostra de Camariñas

  • A artesá textil presentará a colección cápsula Ganapán 2026, unha proposta que fusiona a austeridade da costa galega coa estética noir e a rebeldía das flappers dos anos 20.
  • O encaixe de Camariñas deixa de ser un mero ornamento para converterse no eixe estrutural de pezas de autor onde dialoga co ganchillo, a calceta e o tul metalizado.

 

Primeira confirmación do desfile de ArtEncaixe da XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, que se prepara para acoller unha das propostas máis conceptuais e reivindicativas desta edición. A artesá textil Lola de Logaro regresa ao evento para presentar "Ganapán", a súa nova colección cápsula para o 2026.

 

A proposta explora a estética noir para narrar un diálogo fascinante: a colisión entre a austeridade laboriosa da costa galega e a rebeldía hedonista da muller moderna dos anos 20. Unha colección que nace da necesidade de elevar e transformar o encaixe.

 

Para a creadora, o obxectivo desta colección é converter unha ferramenta histórica de supervivencia nun auténtico estandarte de autonomía. "Traballo o encaixe como enxeñaría e arquitectura, con liñas rectas, módulos repetidos e motivos clásicos dese “encaixe de subsistencia” que marcou a vida na costa galega", explica Lola de Logaro. "Sobre esa base levanto siluetas noir: corpos relaxados, ombreiros caídos, cinturas pouco marcadas, longos que se moven ao ritmo do paso, flocos e transparencias que lembran ás flappers, ao jazz, ao fume dos clubs e á rebeldía dos anos 20".

 

A deseñadora xoga coa dualidade colocando encaixes extremadamente precisos en patróns que rompen a norma. "Para min, cada prenda é un pequeno manifesto: o palillo conserva o seu rigor técnico, pero desprázase do mantel e a bandexa ao corpo que se move e decide; a ferramenta de supervivencia convértese en estandarte de liberdade".

 

"O maior reto técnico foi orquestrar todas as outras técnicas –ganchillo, calceta, flecados, acabados de costura– para que sumen textura e volume sen roubarlle nin un milímetro de protagonismo ao encaixe de Camariñas", sinala a deseñadora.

 

Para logralo, confesa que tivo que traballar case como unha directora de escena: "O encaixe é a actriz principal e o resto das técnicas son escenografía e luz. Iso implica axustar calibres de fío, densidades de punto e pesos para que o tecido soporte a peza de encaixe sen deformala nin matar a súa caída natural".

 

O resultado é un traballo de costura invisible, con reforzos internos e remates limpos que permiten que, cando a peza saia á pasarela, "o único que se perciba sexa o encaixe falando en voz alta".

Cultura

Contacto Cultura

Plaza de Insuela 57 15123 Camariñas.
Teléfono: 981736000 – Fax: 981736199
Conc.Delegada de cultura:
encarna.lineiro@camarinas.net
Bibliotecaria: 
cultura@camarinas.net
Educadora: 
edu.adultos@camarinas.net