O branco e a elegancia unen á veterana Ana Cabranes e ao debutante Xoaquín Ruiz na pasarela de Grandes Deseñadores

  • A histórica deseñadora asturiana mantén a "ilusión intacta" e destaca a capacidade do encaixe de Camariñas para seguir revalorizándose e creando "formas imposibles".
  • O mozo creador cumpre o seu soño de dar o salto á pasarela de Grandes Deseñadores cunha colección cargada de volumes onde "Andalucía se atopa con Galicia".

 

A pasarela de Grandes Deseñadores da XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña acollerá nesta edición dúas propostas que, aínda que nacen de traxectorias vitais e profesionais moi diferentes, atopan un nexo común na pureza da cor branca, na elegancia e no respecto absoluto polo traballo das palilleiras. Son as coleccións da consagrada deseñadora Ana Cabranes e do talento emerxente Xoaquín Ruiz.

 

Para o deseñador andaluz afincado en Culleredo, Xoaquín Ruiz, esta trixésimo quinta edición supón a culminación dun soño e o peche dun ciclo perfecto dentro da propia Mostra. Tras comezar a súa andaina no certame de Noveis Deseñadores e pasar pola pasarela de Firma Emerxente, este ano debuta no cartel principal. "Para min é unha honra e unha gran responsabilidade. Empezar no concurso de Noveis foi un dos primeiros pasos dun soño que pouco a pouco foi tomando forma. Vía aos deseñadores e dicíame “eu teño que estar aí algún día”, e con constancia e esforzo aquí estou", confesa.

 

Neste sentido, Ruiz quixo mandarlles unha mensaxe aos mozos e mozas que este ano participan no concurso de Noveis: "Que gocen moitísimo do proceso, da experiencia e dos colegas que se coñecen en cada desfile. Que crean na súa propia personalidade á hora de crear moda, porque os soños cúmprense se os traballas con constancia".

 

Sobre a proposta que subirá á pasarela, o deseñador adianta que a colección xira en torno "á delicadeza dos detalles e á forza do artesán". Fiel á súa esencia, a súa creación destacará polos volumes e terá o branco como cor principal. "É unha colección onde Andalucía atópase con Galicia", subliña.

 

A reinvención e fidelidade de Ana Cabranes

 

Compartindo esa aposta estética pola luz e a cor branca estará Ana Cabranes, toda unha institución na Mostra do Encaixe, na que participa de forma ininterrompida dende hai máis de dúas décadas. A pesar da súa longa e exitosa traxectoria no evento, a deseñadora asegura afrontar esta edición "coa mesma ilusión".

 

Para Cabranes, a maxia de Camariñas reside en ver como, co paso do tempo, "o encaixe segue revalorizándose ano tras ano, para seguir conseguindo formas imposibles; é unha satisfacción incrible para min".

 

Preguntada polo segredo para manterse sempre na vangarda sen perder a súa esencia edición tras edición, a creadora teno claro: "Cada un ten o seu estilo persoal e, se queres ser fiel a el, sempre atopas a maneira de reinventarte e ver cada detalle como algo especial que non te cansas de ver e valorar".

 

Este ano, Ana Cabranes presentará unha colección cápsula que destaca por ter "moita luz e unha sensación de fusión do encaixe co ton, sendo todo un". Ao igual que Xoaquín Ruiz, a deseñadora apostará por esa cor inmaculada, buscando "o punto de elegancia e sinxeleza que ten o branco".

Cultura

Contacto Cultura

Plaza de Insuela 57 15123 Camariñas.
Teléfono: 981736000 – Fax: 981736199
Conc.Delegada de cultura:
encarna.lineiro@camarinas.net
Bibliotecaria: 
cultura@camarinas.net
Educadora: 
edu.adultos@camarinas.net