A olería de Buño locerá de novo na pasarela Deputación da Coruña nunha trixésimo quinta Mostra do Encaixe que contará coa presenza de Feituras, O Rulo, Alfarería La Cacharrera e Risco Estudio

  • Será nos desfiles de ArtEncaixe, onde poderemos ver as creacións que combinan o Encaixe coas pezas de barro.

 

A olería de Buño locerá de novo na pasarela Deputación da Coruña nunha trixésimo quinta Mostra do Encaixe de Camariñas que contará coa presenza de Feituras, O Rulo, Alfarería la Cacharrera e Risco Estudio, nos desfiles da categoría de ArtEncaixe, combinando o Encaixe de Camariñas coas pezas de barro destas catro oleiras e oleiros.

 

“Un ano máis valoramos moito que conten con nós, xa que é un orgullo e un reto participar na Mostra do Encaixe de Camariñas, no ArtEncaixe, un reto maiúsculo posto que as pezas son feitas en exclusiva para o desfile, como xa se puido ver en edicións anteriores”, comenta María Canedo, de Feituras, quen afirma que “existen estilos moi diferentes, todas e todos mantemos as formas e pezas tradicionais pero somos conscientes de que hai que avanzar cos tempos, innovar e iso é bo, buscar novas decoracións e continuar sen perder a nosa esencia”.

 

Canedo asegura que “o máis tradicional non está pelexado coa vangarda, e participar neste desfile permítenos dar a coñecer á xente que se achega a Camariñas os diferentes estilos que podes atopar en Buño, á vez que tamén é unha porta aberta para amosar a fermosa convivencia de dúas artesanías tan distintas como son a cerámica e o Encaixe.”

 

O público que se achegue á XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas, que se celebrará no pavillón Victor Vigo do 1 ao 5 de abril, poderá desfrutar destas pezas nos desfiles de ArtEncaixe, que terán lugar na pasarela Deputación da Coruña nos seguintes días e horarios:

 

  • Xoves 2 de abril ás 12:45 (grupo A) e ás 18:00 horas (grupo B).
  • Venres 3 de abril ás 12:45 (grupo B) e ás 16:45 horas (grupo A).
  • Sábado 4 de abril ás 12:30 (grupo A) e ás 18:00 horas (grupo B).

Cultura

Contacto Cultura

Plaza de Insuela 57 15123 Camariñas.
Teléfono: 981736000 – Fax: 981736199
Conc.Delegada de cultura:
encarna.lineiro@camarinas.net
Bibliotecaria: 
cultura@camarinas.net
Educadora: 
edu.adultos@camarinas.net