A estética urbana de Innamoretto e a moda atlántica de elPulpo únense na pasarela de Grandes Deseñadores da 35ª Mostra do Encaixe

A estética urbana de Innamoretto e a moda atlántica de elPulpo únense na pasarela de Grandes Deseñadores da 35ª Mostra do Encaixe

  • A firma galega elPulpo regresa tras o seu éxito en 2024 e amplía os seus deseños con propostas femininas para a súa liña Teen coa súa colección cápsula "Encaixe de Amor".
  • O dúo asturiano Innamoretto debuta no evento para fusionar o streetwear, a xastrería clásica e a pel coa tradición das palilleiras.

 

A pasarela de Grandes Deseñadores da XXXV edición da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña presentará dúas propostas que, desde enfoques moi distintos, demostran a inmensa versatilidade do encaixe na moda actual. O evento contará co agardado regreso da marca galega elPulpo e o gran debut da firma asturiana Innamoretto.

 

Tras sorprender en 2024 demostrando que o encaixe ten un oco enorme na moda actual, elPulpo volve a Camariñas para celebrar este 35º aniversario como unha homenaxe ás súas raíces e a Galicia. Para a marca, formar parte deste evento supón un honor e un privilexio ao poder incluír unha arte tan tradicional e especial que se entrelaza coa súa visión da moda.

 

Este ano, o equipo de deseño de elPulpo desenvolveu catro propostas especiais. A gran novidade é que, tras presentar unicamente pezas masculinas na súa última participación, nesta ocasión diversificaron e ampliaron os seus deseños pensando no público feminino a través da súa liña elPulpo Teen.

 

Nas súas propostas masculinas, a marca dálle unha volta ás prendas máis casuais reinterpretando o seu icónico logo e aplicando detalles de encaixe nas prendas superiores, xogando con elementos románticos e sofisticados pouco habituais na moda para home. No eido feminino, apostaron por customizar a liña Teen cunha estética boho e desenfadada, reflectindo estilismos propios de calquera localidade costeira galega no verán.

 

A directora de comunicación, márketing e sostenibilidad de El Pulpo, María

Canle, explica que a colección cápsula, bautizada como “Encaixe de Amor”, “será o mix perfecto entre tradición e modernidade, cun claro predominio de azuis e verdes (cores da natureza galega) sobre tecidos lixeiros e comfy”. “Ademais, esta colaboración reforza a nosa filosofía de slow fashion e sustentabilidade, apostando por prácticas respectuosas e recoñecendo que a técnica das palilleiras é unha arte viva”, engade.

 

Innamoretto: o contraste do streetwear e a artesanía

 

Compartindo pasarela estará Innamoretto, unha marca que debuta oficialmente neste gran escaparate e que está impulsada por dous mozos asturianos apaixonados pola moda e a pel. A súa filosofía baséase en crear prendas artesanais e únicas (moitas adaptadas a medida), combinando a pel con outros tecidos e inspirándose na música, o deporte ou distintas épocas.

 

A firma destaca por fusionar o estilo urbano coa xastrería clásica. Segundo explican os deseñadores, Ignacio Muñoz e Claudia González, mesturar o tradicional encaixe de Camariñas cunha estética tan actual resúltalles moi divertido, xa que lles permite xogar cos contrastes, unir moda contemporánea con artesanía e achegar estas técnicas a novas xeracións.

 

Aínda que xa coñecían a Mostra como espectadores, presentar a súa propia colección supón o seu verdadeiro "punto de saída" como deseñadores. Fieis ao seu estilo, prefiren manter a sorpresa sobre as prendas que subirán á pasarela, pero aseguran que buscarán romper esquemas para que o público quede coa sensación de ver algo moi orixinal, diferente a anos anteriores, e con ganas de descubrir os seus futuros proxectos.

Cultura

Contacto Cultura

Plaza de Insuela 57 15123 Camariñas.
Teléfono: 981736000 – Fax: 981736199
Conc.Delegada de cultura:
encarna.lineiro@camarinas.net
Bibliotecaria: 
cultura@camarinas.net
Educadora: 
edu.adultos@camarinas.net