As Grandes Firmas DEVOTA&LOMBA e Claudina Mata continúan o seu idilio coa Mostra do Encaixe de Camariñas

  • Modesto Lomba afirma que o obxectivo de integrar a esencia do Encaixe de Camariñas nas súas pezas “é obter a excelencia.”
  • A deseñadora granadina non podía faltar á Mostra e presentará unha nova colección de traxes de noiva “na que explorarei a feminidade desde un punto de vista actual”, sinala.

 

DEVOTA&LOMBA e Claudina Mata, dúas das Grandes Firmas asiduas á Mostra do Encaixe de Camariñas, continúan o seu idilio co evento palilleiro e elevarán os seus deseños á pasarela Deputación da Coruña.

 

Segundo explica Modesto Lomba, de DEVOTA&LOMBA, “para nós, que partimos da nosa esencia minimalista e a artesanía, integrar a delicadeza do encaixe é un reto para conseguir a excelencia, e tamén intentaremos amosar creatividade.” Na colección para esta trixésimo quinta edición “integraremos encaixe cos sombreiros onde enlazaremos tradicións e vangarda.”

 

Pola súa banda, Claudina Mata afirma que formar parte da XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas “é unha auténtica honra e tamén unha grande responsabilidade. É un evento con moitísima historia que pon en valor unha artesanía única e poder medrar como deseñadora dentro desta contorna é algo moi especial. Este ano presento unha colección na que continúo a explorar a feminidade desde un punto de vista actual, combinando siluetas coidadas con detalles artesanais moi protagonistas.”

 

A granadina afirma que “o encaixe non só é un complemento, é o fío condutor en toda a colección e quixen xogar cos contrastes entre a delicadeza e a estrutura, tratando de acadar un equilibrio entre tradición e tendencia.”

 

“Granada ten unha luz, unha sensibilidade e unha forza estética moi marcadas, e iso sempre está presente na miña forma de deseñar. Gústame trasladar esa esencia a través das cores, as formas e a actitude nas prendas. Ao combinar co encaixe de Camariñas, o que intento é crear un diálogo entre dúas culturas: a calidez e expresividade andaluza coa delicadeza e precisión da tradición galega. Creo que esa mestura enriquece moitísimo o resultado”, destaca Mata, quen ten unha mensaxe para o público: “Non poden perder o meu desfile, porque vai ser unha colección moi coidada, feita desde o respecto e a tradición pero cunha mirada moi actual. É unha oportunidade de ver como unha artesanía tan especial pode seguir medrando, evolucionando e emocionando.”

Cultura

Contacto Cultura

Plaza de Insuela 57 15123 Camariñas.
Teléfono: 981736000 – Fax: 981736199
Conc.Delegada de cultura:
encarna.lineiro@camarinas.net
Bibliotecaria: 
cultura@camarinas.net
Educadora: 
edu.adultos@camarinas.net