06 Abril, 2026
Hoxe, sábado 5 de abril, remataron as presentacións literarias da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña. Os autores protagonistas da xornada foron Alfonso de Sas, coa súa obra “1898-El Padre Ausente” e Xan Fernández e Antonio Fernández, con “A Costa da Morte, naturalmente única”.
“1898-El Padre Ausente” é o broche de ouro a unha triloxía apaixonante que leva por título un dos lugares máis coñecidos de Camariñas: El cementerio de los ingleses. “Alfonso xa forma parte da familia da Mostra, e non hai mellor escenario ca este para celebrar o peche desta marabillosa aventura literaria”, salientou a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua.
Por outro lado, “A Costa da Morte, naturalmente única”, é un libro de gran formato impulsado pola Asociación de Profesionais de Turismo da Costa da Morte que conta cos maxistrais textos do investigador e escritor Xan Fernández Carrera e coas espectaculares fotografías de Antonio Fernández.
“Esta publicación nace coa vocación de ser o gran escaparate dos dezasete concellos que conformamos o noso xeodestino. A través das súas páxinas convídanos a descubrir o noso patrimonio e a nosa natureza, axudándonos a construír a nosa marca como un destino auténtico, inspirador e de calidade”, indicou a rexedora.
Programación consolidada
A programación literaria da Mostra continuou a consolidarse na XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña coas presentacións de: “Punto de Araña”, de Nerea Pallares; “A princesa dourada”, de Anxo Mouzo; “Ángeles acusadores”, de Diego Garrote; “1898 – El padre ausente”, de Alfonso de Sas; “A Costa da Morte, naturalmente única” de Xan Fernández Carrera e Antonio Fernández.